O Barco de Valdeorras acolleu este xoves por primeira vez o exame de capacitación para a obtención do carné de artilleiro, unha acreditación imprescindible para a manipulación e uso de explosivos en sectores como a minería, as canteiras ou a pirotecnia. A proba foi organizada pola Área Funcional de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno e celebrouse de maneira simultánea unicamente no Barco e en Pontevedra.
Ata a vila desprazouse o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acompañado polo alcalde barquense, Aurentino Alonso, e pola xefa de Dependencia de Industria en Pontevedra e Ourense, Lara Fernández.

Durante a visita, Eladio Santos destacou a importancia dunha convocatoria que responde ás necesidades dunha comarca profundamente vinculada á actividade extractiva. «Era unha demanda que se facía desde a comarca de Valdeorras. Como todos sabedes, é unha comarca moi mineira, con moita necesidade desta licencia de artilleiros para que se poidan utilizar este tipo de materiais con toda seguridade», sinalou.
O subdelegado explicou tamén que se trata de «uns exames rigorosos que garanten que vai haber seguridade á hora de utilizar este tipo de material delicado», lembrando que están dirixidos especialmente a profesionais das canteiras de lousa, grava ou granito, así como ao ámbito pirotécnico.
Pola súa banda, o alcalde do Barco agradeceu que a proba se celebrase por primeira vez na comarca e puxo en valor a importancia da descentralización deste tipo de servizos. «Esta comarca vive nunha parte moi importante das canteiras e a actividade extractiva require a presenza deste tipo de profesionais», destacou Aurentino Alonso, quen tamén celebrou que «se descentralicen cousas, porque sempre está todo centralizado».

Segundo explicou Lara Fernández, nesta convocatoria presentáronse doce persoas ao exame. Ademais, lembrou que habitualmente esta proba só se realiza unha vez ao ano en Ourense, aínda que «se hai algunha demanda extraordinaria estudaríase o caso para facela noutro lugar». As Probas celebráronse na aula do Concello situada na Urbanización da Cerámica.
Entre os aspirantes había tamén profesionais do sector da lousa que agardaban para examinarse. Algúns explicaban que obter este carné é unha necesidade laboral. «É necesario para traballar», comentaba un dos candidatos ao ser preguntado polo manexo de explosivos e as tarefas vinculadas ás voladuras nas canteiras.

A celebración desta primeira convocatoria no Barco supón un paso importante para achegar formación e servizos especializados a unha comarca onde a minería e as canteiras continúan sendo un dos motores económicos fundamentais.
