so
O Barco de Valdeorras converteuse este sábado, 2 de novembro, no epicentro do atletismo galego coa celebración do Campionato de Galicia de 5 km en ruta, que por primeira vez tivo como escenario as rúas da vila. Máis de 80 atletas de diferentes categorías —sub18, sub20, sub23, absoluta e máster— participaron nesta cita organizada pola Federación Galega de Atletismo.
A competición desenvolveuse de forma simultánea coa tradicional Carreira Popular dos Santiños, que reuniu a 104 inscritos, consolidando así unha xornada deportiva de gran participación e ambiente. O evento comezou ás 11:00 horas, cun minuto de silencio en memoria da atleta galega Emilia Mesa, nun emotivo xesto de recordo.
“Temos atletas de moitísimo nivel, entre eles o internacional e medallista europeo en 1500 metros, Álex Sierpes, que vai intentar o récord galego na súa categoría”, explicou Tinín González durante a presentación, destacando as condicións perfectas para competir: temperatura agradable e apenas vento.
O circuíto, totalmente chairo, discorría por algunhas das zonas máis céntricas do Barco, como o Paseo do Malecón, ao que os corredores deron dúas voltas. A proba estivo marcada polo alto nivel competitivo, cunha clasificación encabezada polo propio Álex Sierpes, do Vicky Foods Athletics, que cruzou a meta cun tempo de 14:52. O segundo posto foi para Miguel Quintáns, do Coruña Comarca, con 15:27, e completou o podio o valdeorrés Alejo Ares, do Adas Cupa Galicia, cun rexistro de 15:30.
Ademais do aspecto deportivo, o evento tivo un carácter solidario, xa que colaboraba coa Cruz Vermella Valdeorras a través da iniciativa “Xoguete Solidario”. No Estadio de Calabagueiros instalouse un punto de recollida onde atletas e veciños puideron doar xoguetes novos para nenos e nenas da comarca.
A organización contou coa colaboración da Policía Local do Barco, das agrupacións de Protección Civil de Manzaneda, Petín, O Barco e Vilamartín, e dos voluntarios da Cruz Vermella Valdeorras, cuxo traballo foi fundamental para garantir o bo desenvolvemento da proba e a seguridade dos participantes.
