viernes. 19.04.2024
O Barco acolle a celebración dun curso de formación de socorristas profesionais

O Edificio Multiusos do Concello do Barco e as instalacións da piscina municipal climatizada serán os lugares de celebración dun curso de formación específica de socorrismo que impartirá a Academia Galega de Seguridade Pública.

A celebración deste curso tiña sido solicitado en varias ocasións polo alcalde, Alfredo García, á Dirección Xeral de Administración Local, para paliar a carencia de socorristas profesionais na comarca de Valdeorras. O DOG publicaba o venres as bases e as condicións de inscrición neste curso e noutros tres máis no ámbito da comunidade autónoma galega, con 25 prazas para cada un delas.

Os interesados poden entrar no enlace para consultar todas as condicións establecidas para poder formalizar a inscrición, así como o formulario para poder participar neste curso. Os inscritos admitidos deberán superar unha proba de natación, que se celebrará o próximo 24 de abril na piscina climatizada municipal do Barco.

A formación desenvolverase entre o venres 28 de abril e o venres 4 de xuño, con clases os venres pola tarde, e os sábados e domingos en horario de mañá e tarde. No edificio Multiusos terán lugar as clases teóricas, e as prácticas desenvolveranse na piscina climatizada. Os participantes serán formados en socorrismo tanto en instalacións deportivas como en espazos acuáticos naturais.

A realización desta actividade de formación garantirá que este próximo verán se poda contar con persoal formado para a atención nas piscinas e praias fluviais da comarca, despois dos problemas rexistrados o ano pasado, e que impediron que algunha das piscinas da contorna puidera abrir na tempada de verán.

O Barco acolle a celebración dun curso de formación de socorristas profesionais