jueves. 29.05.2025

O Barco abre o prazo de inscrición para o Concurso de Comparsas do Entroido 2025

O Concello abre o prazo de inscrición para o Concurso de Comparsas, que encherá de cor e diversión as rúas da vila o martes 4 de marzo. Ademais, o programa festivo incluirá actividades para os máis pequenos, desfile de folións e o tradicional enterro da sardiña
somoscomarca_240213_obarco_entroido_desfiledecomparsas5824

O Concello do Barco de Valdeorras vén de abrir o prazo de inscrición para o tradicional Concurso de Comparsas do Entroido 2025, que terá lugar o martes 4 de marzo a partir das 17:30 horas. O desfile percorrerá diversas rúas da vila, comezando na Avenida Conde de Fenosa e rematando na Praza Maior.

Inscrición e requisitos

As comparsas interesadas poderán inscribirse dende o 3 o 24 de febreiro de 2025 as 14:00 horas, nas oficinas da Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA), situadas na Rúa España, nº 1. Para formalizar a inscrición, deberán achegarse os seguintes datos:

  • Nome e apelidos da persoa responsable, DNI, correo electrónico, teléfono e sinatura.
  • Nome da comparsa e número total de integrantes.

Cada comparsa deberá contar cun mínimo de 10 persoas e será obrigatorio levar en lugar visible o número de inscrición durante o desfile. Ademais, deberán manter unha orde definida ou seguir unha coreografía, así como incluír música ou algún tipo de son (chifres ou elementos similares).

O xurado comprobará en distintos puntos do percorrido que as comparsas cumpren co número de participantes inscritos. En caso de diferenzas significativas, poderase reducir o importe do premio correspondente.

Premios por categorías

As comparsas gañadoras recibirán os seguintes premios segundo o número de participantes:

  • De 10 a 20 persoas: 150 euros.
  • De 21 a 30 persoas: 250 euros.
  • De 31 a 40 persoas: 350 euros.
  • Máis de 41 persoas: 450 euros.

Os premios serán entregados aos representantes das comparsas ao finalizar o desfile, previa presentación do DNI.

Programación do Entroido 

O concello barquense tamén fixo público o cartel da programación do Entroido. O día 3 de marzo o Pavillón Vello acollerá a celebración infantil. Os máis pequenos da casa poderán desfrutar dunha animación de María Faltri Picadiscos, fotomatón e espectáculo Clown Guti. 

O martes, 4 de febreiro, será o día grande da festividade no Barco de Valdeorras do desfile de comparsas e folións. A saída será ás 17:30 dende o Hospital á Praza Maior. Ao finalizar o acto continuará a festa amenizada por Dj Fru e Dj Barrancas. 

Para pechar estas festividades, o mércores ás 20:30, a Praza Maior acollerá o tradicional enterro da sardiña coa colaboración de Gargallada Teatro. Ao finalizar haberá pan e chourizo para todas as persoas participantes que acudan difrazadas. 

O Barco abre o prazo de inscrición para o Concurso de Comparsas do Entroido 2025