«Atención! Xente lendo!»: o Lauro Olmo converte O Barco nun gran libro aberto»

Unha morea de estudantes participaron na nova edición dunha xincana literaria sen móbiles e con Begoña Caamaño como fío condutor

As rúas de O Barco de Valdeorras enchéronse este xoves de pistas, lecturas, xogos e mocidade coa celebración da XI edición do roteiro literario «Atención! Xente lendo!», unha actividade organizada polo IES Lauro Olmo que volveu sacar a literatura das aulas para convertela nunha experiencia viva, compartida e moi diferente.

Desde primeira hora da mañá, centos de alumnos e alumnas da ESO e de 1º de Bacharelato participaron nunha gran xincana literaria pola vila na que, ademais de resolver probas e enigmas, tiveron que descubrir diferentes espazos relacionados coa historia, a cultura e a literatura galega. Todo iso cunha novidade importante nesta edición: os móbiles quedaron gardados.

«Este ano sen móbil. A ver se conseguimos que as pantallas non nos dominen e que sexan capaces de interrelacionarse entre eles, de coñecer a xente da vila, de falar… todas esas cousas que se están perdendo e que para nós son tan importantes», explicaba un dos docentes organizadores da actividade.

A xornada xirou arredor da figura de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano nas Letras Galegas. O alumnado tivo que superar distintas probas relacionadas co xornalismo, o feminismo, o sindicalismo, a mitoloxía ou as Letras Valdeorresas, sempre tomando como referencia a vida e a obra da autora.

«É unha forma de achegarse á lectura dun xeito distinto, un pouco menos aburrido que nas clases», comentaban desde a organización, satisfeitos cunha actividade que xa suma once edicións e que continúa medrando ano tras ano.

Os propios estudantes recoñecían tamén o valor desta experiencia. «Para min esta é unha actividade moi interesante e moi divertida, unha forma moi amena de aprender sobre literatura», aseguraba Lucía, unha das participantes. «Ademais, con esta norma deste ano sen pantallas, é máis fácil relacionarnos entre nós e coñecer cousas todos xuntos».

Outro dos alumnos, Xaime, definía «Atención! Xente lendo!» como «unha das miñas actividades favoritas do centro». «É unha actividade enriquecedora para coñecer máis a nosa contorna e o noso pobo», sinalaba, defendendo tamén este tipo de iniciativas fronte ás lecturas obrigatorias tradicionais. «Actividades como esta, máis variadas, considero que son moito mellores».

Ao longo da mañá, os grupos —mesturados entre diferentes cursos— percorreron quince localizacións repartidas pola vila resolvendo acertixos e retos literarios. Mentres, o alumnado de 1º de Bacharelato encargouse da organización das probas, identificado con gorras elaboradas no espazo de Polos Creativos do instituto.

A actividade rematou na praia fluvial do Barco cunha lectura colectiva de textos de Begoña Caamaño, un pequeno aperitivo compartido e a tradicional fotografía de grupo.

Porque durante unhas horas, O Barco converteuse nun enorme libro aberto onde ler, xogar e convivir foron exactamente a mesma cousa.