martes. 25.06.2024
P_somoscomarca_2406_04vandalismo

PSdG, PP e BNG do Barco denunciaron hoxe no Cuartel da Guardia Civil a destrución de carteis electorais colocados polos tres partidos en diferentes puntos da localidade. As desfeitas rexistráronse durante a fin de semana, e afectaron á cartelería das tres formacións políticas.

Os tres partidos condenan firmemente estes feitos, que claramente «son premeditados e demostran o talante antidemocrático e incívico dos autores», tal e como explican. Ao que engaden: «Supón un atentando contra a esencia mesma da democracia, demostrando intolerancia e nulo respecto ao sistema electoral do noso país». 

Segundo aseguran na nota de prensa, este feito non é illado, senón que se ten reproducido nas últimas campañas electorais, «demostrando unha total falta de respecto que non debe tolerarse no marco da nosa democracia».

Ademais, o vandalismo en xeral ou destrución da propiedade allea, na que poden incluírse os carteis electorais, «está tipificado como delito no Código Penal español, especificamente no apartado relativo aos danos (artigo 263 e seguintes), pudendo implicar penas de prisión ou multas, segundo a gravidade dos danos causados».
 

Actos de vandalismo na cartelería electoral do Barco de Valdeorras