Aberto o prazo para as axudas de material escolar no Barco
07 de junio de 2024 (16:19 h.)
Pódense solicitar até o próximo 30 de xuño. Están destinadas ao alumnado matriculado no municipio no segundo ciclo de Educación Infantil
As bolsas municipais para adquisición de libros de texto e material escolar para o segundo ciclo de infantil —para o próximo curso 2024-2025— xa están abertas até o próximo 30 de xuño. Para poder solicitar ditas axudas pode facerse a través da sede electrónica do Concello do Barco ou por rexistro de entrada.
É necesario cumprir os seguintes requisitos:
- Estar matriculado nun centro do Barco no segundo ciclo de Educación Infantil
- Que os alumnos e os pais/representantes legais estean empadroados no Barco ou teñan alí residencia efectiva
- Que a renda familiar sexa inferior a 21.000 euros anuais/netos ou, superando esa cantidade non exceda a Renda Per Cápita da unidade familiar de 4.630 euros
- Non ter recibidas nin solicitadas outras axudas polo mesmo concepto
O resto de condicións poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia do pasado 5 de xuño. Para máis información pode contactarse co departamento de Servizos Sociais do Concello ou no teléfono 988 32 02 02 ext 2168.