A Robla de Seadur, a festa ca que remata a vendima
A Cova da Xabreira, lugar de encontros, organizou a terceira edición da Robla de Seadur para celebrar que a vendima rematou e así facer una gran festa na que se xuntaron máis de 200 «vecinos e amigos» das catro adegas das Cova de Seadur, para « para festexar que un novo ciclo do viño comeza».
Os asistentes probaron os viños das adegas que participaron nesta nova edición: Fedellos de Couto, Pequena adega romana, 5G e a Cova da Xabreira. Houbo petiscos para acompañar, doces e o tradicional «chupito» de licor café.
Non faltou o cante e o baile ao son da música tradicional e alí estaban elas, As Macizas centrais. A troula está garantizada con estas mozas das Terras de Trives que fan bailar ao máis pintado coa enerxía positiva que as caracteriza.
A Robla
Así destacan este momento tan importante coa que comeza todo o proceso da elaboración do viño: «A vendima é longa, laboriosa e tamén o momento máis importante do ano para calquera adega».
«Tradicionalmente, unha vez rematada, os colleiteiros, adegueiros e os veciños que axudan nela, xúntanse para celebrar que por fin os mostos están fermentando nos depósitos das adegas e pronto haberá viño novo», continúan relatando.
«Nesta ocasión queremos xuntar a 200 veciños e amigos das catro adegas das Covas de Seadur». E, vaia se o conseguiron! Unha gran festa para una mellor ocasión.