A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela Rodríguez, vén de ser elixida nova presidenta da agrupación local do Partido Popular neste concello tras obter o respaldo da militancia no congreso celebrado na localidade. A súa elección supón a apertura dunha nova etapa para os populares de Larouco e marca tamén o inicio dun ciclo de congresos locais que o partido desenvolverá ao longo da provincia.
O conclave contou coa presenza do presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, e da secretaria xeral do PPdeOU, Sandra Quintas, ademais de militantes e simpatizantes que participaron nesta cita orgánica.
Durante a súa intervención, Patricia Lamela destacou que este momento representa unha oportunidade para renovar o impulso do partido no municipio. «Ábrese unha nova páxina e facémolo con vontade clara de mirar cara adiante polo noso partido e polo noso concello», afirmou.
A nova presidenta local apelou á unidade e á estabilidade como bases para consolidar un proxecto político que continúe medrando en Larouco. «Queremos un proxecto que escoite e que constrúa, con portas abertas para todos, con diálogo por diante e con firmeza para defender o propio», explicou, subliñando ademais que «este non é un proxecto persoal; é un compromiso co Partido Popular de Larouco».
Lamela tamén fixo referencia ao valor de vivir e traballar no rural, un ámbito que, segundo sinalou, require determinación e compromiso. «Traballarei con humildade e con moita forza interior, porque creo que vivir no rural é unha lección moi valente», asegurou.
No acto de clausura do congreso, Luis Menor puxo en valor o paso que dá Patricia Lamela ao asumir a presidencia da agrupación local, recollendo a testemuña de Joaquín Bautista Prieto, ao que agradeceu os seus 22 anos de traballo como alcalde e presidente do PP no municipio.
O presidente provincial destacou tamén a importancia das agrupacións locais dentro da estrutura do partido. «Sodes o piar da defensa das xentes, do territorio e do compromiso co futuro dos nosos pobos», afirmou, dirixíndose á militancia.
Menor quixo trasladar ademais unha mensaxe de apoio á nova presidenta local: «Non vas estar soa. Todas e cada unha das agrupacións, desde a máis grande ata a máis pequena, sodes o corazón do PP e fundamentais para que sigamos sendo a forza na que máis ourensáns confían».
Durante o seu discurso, o líder provincial puxo tamén en valor o papel das mulleres na política municipal, lembrando que Ourense é a provincia con máis alcaldesas do Partido Popular en toda Galicia. Neste sentido, reivindicou o traballo de responsables municipais como Patricia Lamela, que —dixo— «toman os mandos dun concello».
O congreso de Larouco abre, segundo explicou Menor, un novo ciclo de renovación das agrupacións locais do partido na provincia. «Hoxe abrimos un novo ciclo de congresos para renovar e fortalecer as nosas agrupacións», sinalou.Tras esta cita seguirán outros conclaves locais en municipios como Xunqueira de Espadanedo, Lobios, Lobeira ou Muíños.
Segundo avanzou o presidente provincial, este proceso de renovación orgánica chega despois dun ano 2025 especialmente intenso para o partido e busca preparar ao PP de Ourense para os próximos retos electorais.
Entre os obxectivos marcados para as eleccións municipais de 2027 está superar as 54 alcaldías actuais, recuperar a maioría absoluta na Deputación provincial e reforzar a presenza do partido na capital.
Un camiño que, segundo destacou Menor, tamén está ligado aos retos políticos a nivel autonómico e estatal, coa intención de consolidar o liderado do PP en Galicia e de impulsar un cambio político en España.
Con esta nova responsabilidade, Patricia Lamela inicia unha etapa na que combinará a alcaldía de Larouco coa presidencia da agrupación local, co propósito de fortalecer o proxecto popular no municipio e seguir traballando —como ela mesma destacou— «con diálogo, unidade e compromiso co noso territorio».
