Paisaxe e historia nunha ruta polas Terras de Larouco onde o viño e as covas tamén foron protagonistas

Un percorrido polo castro do Castrillón e as covas de Seadur combina natureza, cultura, viño e sostibilidade nunha experiencia singular para visitantes chegados dende varios puntos de Galicia

Non se trata de simples roteiros, senon de percorridos que teñen carácter propio. As “Rutas que Rexeneran” do xeodestino Trevinca-Valdeorras apostan por propostas que van máis aló do sendeirismo coma deporte. Unen paisaxe, patrimonio, gastronomía e respecto polo medio para converter cada traxecto nunha experiencia auténtica.

Unha destas propostas desenvolveuse ao longo desta mañá cun percorrido que levou ás persoas participantes ata o castro do Castrillón, no concello de Larouco. Dende alí, a ruta continuou entre viñedos ata rematar en Seadur, nun traxecto de dificultade media-baixa, onde os viñedos e as covas foron protagonistas.

A saída tivo lugar ás 9.30 horas desde a praza do Concello do Barco de Valdeorras, cun grupo de 13 persoas chegadas de distintos puntos de Galicia como Santiago, O Porriño, Moaña, Tui, O Barco e Larouco. Para algunhas delas, era a primeira vez na zona, e a impresión non puido ser máis positiva.

«Non coñeciamos nada e imos encantadas», sinalaban dúas participantes chegadas do Porriño e Tui, sorprendidas especialmente pola riqueza vitivinícola da comarca. «É moi bonito, e o viño é riquísimo», engadían, destacando tamén a espectacularidade das vistas desde o Castro, onde se pode contemplar os ríos Bibei e Xares e unha ampla panorámica da contorna.

O traxecto, estivo marcado polo paso entre viñedos e paisaxes que conduciron ata Seadur, cunha parada moi especial: a Bodeguilla, unha adega tradicional cedida polo seu propietario para a ocasión.

Este espazo, parcialmente escavado na rocha, amosa a arquitectura típica da zona, pensada para manter o viño en condicións óptimas durante todo o ano. “Aquí era onde se facía e se conservaba o viño antes, todo estaba cheo de cubas”, explicaron durante a visita, destacando a singularidade destas construcións.

A xornada rematou con petiscos acompañados de viños da zona, como o godello e a mencía, que puxeron o broche final a unha experiencia moi valorada polos participantes. Todos coincidiron en salientar a beleza da paisaxe, a riqueza natural e cultural, e a boa organización dunha iniciativa que deixa pegada.