viernes. 29.03.2024

A alcaldesa de Larouco Patricia Lamela, reuníuse esta mañá con Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar co concello ourensán de Larouco para levar a cabo un proxecto urbanístico co fin de mellorar a accesibilidade ao núcleo urbán de Seadur.

Este foi o compromiso que asumiu hoxe a conselleira Ángeles Vázquez no
transcurso dunha xuntanza coa alcaldesa da localidade Patricia Lamela, quen lle trasladou a importancia de levar a cabo esta actuación para poñer en valor esta zona do municipio e lograr así un maior aproveitamento público do espazo.


Esta intervención ten como fin acometer o acondicionamento de dúas das principais rúas deste núcleo para dotala dos servizos necesarios, aumentando o ancho das vías de acceso para mellorar a entrada a Seadur e resolver deste xeito tamén o acceso aos viñedos e ás zonas de paso existentes.


Así mesmo, no viario desde o sur realizarase unha cuneta de formigón para resolver tamén os problemas de atascos e acumulacións de auga que se producen de forma recorrente no inverno. Por outra banda, no que dá acceso ao núcleo desde o norte, onde se localiza o local social do pobo, colocarase unha varanda de madeira para evitar caídas provocadas
polo desnivel que existe xunto á rúa e pavimentarase de novo gran parte do viario para resolver as fochancas que existen na actualidade.


A conselleira Ángeles Vázquez indicoulle á alcaldesa que estudará a viabilidade de implicarse e cooperar na execución deste proxecto, cun orzamento previsto de 72.594,7 euros. Neste sentido, lembroulle que a Xunta ten a disposición dos concellos varias liñas de axudas para o desenvolvemento de intervencións urbanísticas que, como esta, buscan
potenciar as infraestruturas públicas, os servizos e os equipamentos municipais que contribúen a mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas galegas.

Medio Ambiente estudará o proxecto dos accesos a Seadur