Larouco acolleu a presentación dos resultados arqueolóxicos no Castrillón

Larouco acolle a presentación dos resultados arqueolóxicos no Castrillón

O acto tivo lugar este sábado 15 de abril no salón de actos do Concello ás 11:30 horas

O salón de actos do Concello de Larouco acolleu este sábado, 15 de abril a presentación dos resultados arqueolóxicos no xacemento arqueolóxico do Castrillón. Tivo lugar a partires das 11:30 horas.

Estes traballos, promovidos polo Concello e financiados pola Consellería de Cultura, lévanse a cabo dende hai dous anos. Os encargados da escavación e investigación son os arqueólogos de Xeitura Coop. Gal.

 

Martiño Xosé Vázquez, un dos membros, explica que ao principio, o Castrillón parecía ser bastante común, un poboado castrexo da Idade do Ferro. Porén, “as intervencións que fixemos alí déronnos moita información en canto a cronoloxía, estruturas, modos de vida, e incluso atopando o que podería ser un enterramento infantil”, afirma.

Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco, no Castrillón

E é que nestes dous anos fixeron “pequenas sondaxes que poderían supoñer menos do 5% do castro, que sospeitamos que terá case dúas hectáreas”. Tamén se realizaron distintas visitas guiadas, tanto para veciños como para visitantes doutros lugares. Porén, neste caso o que se pretende é “unha presentación nun salón de actos, achegar todos eses datos que os arqueólogos imos traballando en laboratorio”.

Asistentes á presentación dos resultados arqueolóxicos no xacemento arqueolóxico do Castrillón.

Martiño Xosé Vázquez recoñece que a visita ao xacemento é moi recomendable, pero que o que se intenta expoñer é a hipótese que manexan actualmente a raíz dos traballos do antropólogo forense Fernando Serrulla, a cal determina a manifestación dun enterramento infantil. “Ensinar estes materiais, a documentación... E que a veciñanza que tan ben coñece o Castrillón podan coñecer a súa importancia dende un punto de vista arqueolóxico, histórico e patrimonial é o noso obxectivo”.

Visita de Cristina Pichel ao Castrillón o pasado ano