
"Valdeorras como destino turístico diferencial" é o título da actividade que acollerá o Pazo do Castro o xoves día 9 de maio a partir das 11:15 horas. Unha xornada organizada por dúas entidades: o Polo de Emprendemento do Barco e a Ruta do Viño. «O noso obxectivo é amosar todo o que ten que ofrecer Valdeorras non só centrándonos no enoturismo, senón tamén na natureza, na gastronomía ou no turismo industrial».
Así definía Natalia Cordero, técnica do Polo de Emprendemento do Barco —situado na Casa Grande de Viloira—, o tema central desta xornada. «Faremos unha mesa coloquio onde participarán a Adega Alan de Val, Roandi e Cova da Xabreira; A Tenda da Rita; o Clúster de Pizarra de Galicia; Enoturismo de Galicia; o propio Polo de Emprendemento; e o Pazo do Castro».
Unha vez rematada esta mesa coloquio haberá unha dinámica de propostas para obter ideas e opcións de emprendemento que dean resposta ás necesidades do sector e, ao final, a mostra de conclusións. A xornada rematará ás 13:30 horas cun viño valdeorrés. «Acudirá tamén Pablo Fernández, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia».
As inscricións para participar están aínda abertas, para público xeral, na páxina web do Polo de Emprendemento ou no teléfono 650 41 15 54.
«Os negocios que máis abren na comarca son bares, tendas de roupa e artesanía»
O Polo de Emprendemento do Barco forma parte dunha rede autonómica de apoio aos emprendedores «impulsada pola Xunta de Galicia». Agora mesmo hai na comunidade autónoma 13 polos, peroeste ano chegarán a ser 15. Concretamente na provincia de Ourense hai catro: Verín, Baños de Molgas, Carballiño e O Barco.
«Aínda que esteamos na Casa Grande de Viloira atendemos a toda a comarca, e agora tamén a Terras de Trives e Caldelas», contaba a súa técnica. Refería que «a xente ten idea de emprender pero hai moito medo, e para iso estamos nós. Calquera dúbida, trámite, e de xeito gratuito con citas ilimitadas e que poden ser tamén en liña».
«O que máis xurde en Valdeorras é abrir un bar porque o custo é menor ao principio e é relativamente sinxelo, pero tamén hai moitas tendas de roupa, artesanía, turismo, venta de produtos locais ou apicultura». Todos estes son ámbitos e casos que abordan dende o Polo de Emprendemento.

Dende este servizo tamén realizan obradoiros en colexios e institutos, como no IES Lauro Olmo «onde levamos casos de xente nova para que os mozos vexan que eles tamén poden emprender se o propoñen». Outro tipo de actividades que realizan se centran nas capacidades e competencias emprendedoras «por exemplo cunha dinámica de realidade virtual para analizar todas estas habilidades nos participantes». Destacaba Natalia Cordero que unha desas habilidades idóneas para emprender está relacionada coa «capacidade de asumir riscos».
Plan Remuda: «herdanza» de negocios
Se alguén nos fala de negocios que pecharán as súas portas por non ter relevo xeracional ou por unha xubilación podemos pensar en máis dun caso cercano. Precisamente para que eses negocios «de toda a vida» non pechen creouse o Plan Remuda. «Un emprendedor collería as rendas desa empresa cando xa leva anos en funcionamento».
Unha iniciativa que tamén afonda na labor «dos que se marchan, porque queren ensinar ás novas persoas que chegan o seu traballo, e iso é unha formación moi valiosa». Todas aquelas persoas interesadas en informarse neste portal, pode acceder á páxina web do Polo —indicada en parágrafos anteriores— e «alí terá toda a información actualizada».
Con todo, o Polo de Emprendemento xestiona dende «casos que parten de 0 con empresas de nova apertura, renovacións de negocios, redes sociais, especialización e resolvemos todo tipo de dúbidas sen custo nin compromiso».
Se desexa escoitar a entrevista completa pode facelo no seguinte enlace de audio: