«Esperamos ter unha vendima de calidade»

Joaquín Sánchez, xerente da adega Alán de Val, na Feira do Viño de Valdeorras
Joaquín Sánchez, xerente da adega Alán de Val, desvela os detalles sobre a colleita deste ano e fala sobre o recente premio obtido polo viño Pedrazais Godello 2023

Estamos chegando ao final deste oitavo mes do ano e Valdeorras xa comeza a ultimar os preparativos para comezar a vendima. Con este motivo puxémonos en contacto con Joaquín Sánchez, xerente da adega Alán de Val, que desvela os detalles sobre a colleita deste ano. A maiores, tamén sinala o recente premio obtido polo viño Pedrazais Godello 2023. 

Segundo comunicaban dende a Denominación de Orixe de Valdeorras, a colleita verase atrasada unha semana respecto ao ano pasado. Sánchez puntualiza que dende a bodega aínda non se fixeron mostraxes en campo, «comezaremos a partir do 25 de agosto». 

A pesar de aínda non habelos feito, polo que observa nos viñedos calcula que «unha semana ou 10 días é posible que atrase». Isto non é algo axustado a realidade, xa que quen marca estes tempos é a propia uva. 

Nas colleitas existen varios factores, por exemplo, a meteoroloxía ou a carga da uva. «Este ano hai unha colleita que parece abundante», explica. A época primaveral estivo marcada polos grandes chuvascos e o gran coidado que tiveron dende as adegas cos tratamentos, «pero superada esta etapa esperamos unha vendima de calidade». Joaquín móstrase «contento» con esta nova campaña. 

A orografía de Valdeorras marca os tempos de maduración. En terras altas sempre se realiza a vendima 10 días en comparación «co val da Rúa». No caso da adega Alán de Val a viña de Pedrazais, a máis antiga da cooperativa que data do ano 1990, é a primeira na que se realiza a colleita. 

Os premios de Alán de Val

Pedrazais Godello 2023 acaba de ser premiado cun Arribe de Ouro no certame internacional de viños Premios Vinduero-Vindouro. Con esta mesmo caldo, recibiron un recoñecemento «importante» que realiza a Unión Española de Catadores, o Baco de Oro. «Cando xa se repiten os premios é que é un viño dunha calidade destacable», matiza Sánchez. 

A maiores, Alán de Val Mencía obtivo o premio a mellor tinto de Galicia. «A garnacha que procede das ladeiras de Pedrazais» tamén se fixo cun primeiro premio na Feira do Viño.