viernes. 29.03.2024

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe nun encontro con responsables da Cámara Oficial Mineira de Galicia e os Clústers da Pizarra e do Granito que a futura Lei de implantación empresarial permitirá axilizar os trámites para a autorización de dereitos mineiros, ao tempo que se garante a máxima seguridade xurídica durante todo o procedemento administrativo.

Así, na reunión celebrada na Consellería de Economía, Emprego e Industria, que forma parte da rolda de contactos cos principais axentes económicos e sociais para consensuar e mellorar esta normativa, o conselleiro informou aos representantes destas entidades das principais novidades que se introducirán na regulación do sector mineiro a través da futura Lei. Unha delas é que cando caduque un dereito mineiro automaticamente sairá a concurso de xeito individual. Os interesados disporán do prazo dun mes para solicitalo.

Por outra banda, outras das medidas concretas da regulación mineira estarán relacionadas cunha maior especificidade no procedemento: exhaustiva relación da documentación a presentar; e con novidades con respecto aos informes requiridos, xa que os preceptivos terán que entregarse antes do trámite de información pública, así, se son negativos, xa non se someterán á mesma; mentres que os informes de organismos sectoriais terán xa a consideración de autorización.

O conselleiro fixo fincapé en que as tres liñas básicas e xerais deste Lei son a simplificación administrativa, reducindo á metade os prazos de tramitación a través dun procedemento único; ofrecer maiores facilidades ás empresas para acceder ao solo industrial; e a creación de máis incentivos para favorecer a chegada de novas compañías á Comunidade. En definitiva, busca poñer as máximas facilidades para que Galicia gañe en competitividade coa creación de novas empresas que contribuirán, ademais, ao fortalecemento de tecido empresarial xa afincado.

Conde salienta que a lei de implantación empresarial axilizará a autorización dos...