Adega grande, adega pequecha, ou cara onde sopran os ventos do viño
O viño é cultura, claro. Tamén gastronomía, por suposto. E sofisticación, maridaxes, deseño, relato... Pero non está de máis lembrar de cando en vez que sobre todo é agricultura. Por iso a benvida ofrecida no curso organizado pola Ruta do Viño de Valdeorras a pasada fin de semana non podía ser máis acaída. Acios de uva dispostos a modo da altar, para que quedase claro o obxectivo da cata: identificar no froito o que despois se expresa no viño.
O curso De tal uva, tal viño cumpría a súa segunda edición e desta vez as prazas esgotáranse incluso antes. «Por aprender», «porque me gusta o viño», «por facer algo diferente» ou «porque son viticultora de toda a vida e nunca antes fora a un curso de cata» foron algunhas das respostas que recibiu Jorge Mazaira —director técnico do Consello Regulador da DO Valdeorras e formador para este evento— ao testar as expectativas da sala. Así que público variado, chegado da propia comarca pero tamén de Santiago, Coruña, O Bierzo... e con idades moi diferentes. Menos alérxicos ó sulfuroso había de todo. E isto último, non está contrastado.
Pero é que precisamente esa é a idea que pretenden dende a Ruta do Viño, facer do enoturismo unha actividade apta para tódolos públicos, expertos ou non, bebedores ou non. Xa que a paisaxe, a cultura e a idiosincrasia valdeorresa enténdese mellor dende a viña. Cristina Núñez, responsable do colectivo destacou que dende o ano pasado incorporaron unha segunda xornada no curso para visitar viñedos e os lagares rupestres de Larouco, percorrido ao que este ano sumaron unha parada na adega da Cova da Xabreira, en Seadur. «Antes o curso era só a xornada de formación pero hai que pisar territorio e así tamén incentivamos que a xente pase aquí a fin de semana».
E que tal vai o enoturismo? Ben, grazas. Este verán houbo adegas con visitas case tódolos días, inauguracións con moito impacto como o da propia Xabreira, e por fin en Valdeorras xa podemos deixar de falar do potencial do enoturismo para referirnos a el como un sector vivo e cunha oferta en crecemento.
Tres adegas novas e xa son corenta e dúas
O curso de cata, ademais de como formación, serviu para falar da situación da Denominación de Orixe, de como se ten transformado e cara onde pode ir o sector. Dábase a circunstancia de que entre o público había viticultoras, viveiristas, adegueiros, enólogas, químicas e algún enxeñeiro, así que era o escenario ideal para cambiar o mundo. Ou polo menos debatilo.
Así que entre cata de bagazo, análise de semente, identificación de aromas, niveis de astrinxencia e untuosidades varias, Jorge Mazaira explicou como a reestruturación do viñedo e a tecnificación nas adegas provocara certa homoxeneización nos viños, algo superado na actualidade grazas á aposta das adegas por potenciar as características do terruño. «Hai seis mil parcelas dentro do Consello e nalgunhas hai dous ou tres tipos de chan moi definidos, temos unha xeoloxía moi variada nun espazo pequeno así que as posibilidades son moitísimas», destacou. A pizarra maioritaria, os solos graníticos do Bolo e Larouco, os afloramentos calizos de Rubiá, os terreos de arxila... esa variedade xeolóxica está e nos viños nótase, se na adega lle deixan, claro.
E se potenciar o terruño e facer viños que se diferencien é un debate resolto, agora interesa a dualidade que se vive na Denominación, con grandes grupos vitícolas adquirindo as mellores parcelas e plantando hectáreas de viñedo, como é o caso de Cune dende Virxen de Galir, en Éntoma, ou Pago de los Capellanes, en Seadur. Un desembarco que refrenda a calidade do godello de Valdeorras pero tamén descarta o posible relevo xeracional en familias tradicionais con viñedo.
Que posibilidades quedan nesta tendencia para proxectos pequenos, familiares, que fixen poboación no territorio? Preguntábanse dende o público. Pois debe habelas xa que este ano déronse de alta no Consello Regulador tres novas adegas, sendo xa corenta e dúas as que elaboran baixo o amparo da DO Valdeorras.
A viticultura, unha paixón con riscos
Realmente, para ser un curso de cata, foi soprendente o moito que se falou de viticultura durante toda a fin de semana. «Isto ten que ser unha paixón», destacaba Mazaira ó inicio, ilustrando esa idea coas dificultades que a climatoloxía estaba engadindo á xa de por si estresante vendima.
Os primeiros quince días foron excelentes, pero os viticultores que agardaron para mellorar a madurez atópanse agora con importantes dilemas e gastos engadidos para resolver unha colleita que por outro lado é xa máis abundante que a do ano pasado con máis de seis millóns de quilos de uva recollidos. E o que máis aumentou é a godello, debido a esas novas plantacións que en moitos casos recuperan terreos ocupados por viñedos no pasado.
Esas novas plantacións, e as que se agardan co plan de desenvolvemento de polígonos agrarios promovido pola Xunta, son maioritariamente de godello pero os tintos resisten e representan o 40% da superficie, o que para Mazaira é un valor de futuro: «As modas dos viños cambian e está ben non apostar todo a unha única variedade, somos a denominación galega máis diversificada e iso danos capacidade de reacción».
Iso si, agora hai que facer tintos que aguanten un mercado máis esixente e niso parece que as variedades autóctonas como a garnacha tintoreira, a sousón ou a brancellao, despuntan como as aliadas perfectas da mencía para facer viños con crianza e incluso reserva, xa incluídos nos estatutos do Consello para estar listos ante o que poida estar ideándose nas adegas. Pero claro, iso será nuns anos, porque é o que ten o viño, reserva ou non, quen manda é o tempo.