jueves. 31.07.2025

Xiana Pungín fai historia en Turquía, o atletismo valdeorrés colle impulso internacional

Pablo García sigue superando a súa propia marca e colleitando bos resultados 
somoscomarca_atletismo_adas_ (4)
Xiana Pungín vén de conseguir dúas medallas nos Xogos Paralímpicos de Turquía

O deporte valdeorrés está de noraboa. A atleta Xiana Pungín vén de conseguir dúas medallas nos Xogos Paralímpicos de Turquía: un ouro nos 100 metros e un bronce en salto de lonxitude, reafirmándose como unha das grandes promesas do atletismo adaptado galego. Así o contaba con entusiasmo Tinín González, referente do atletismo da comarca, nunha entrevista radiofónica esta semana: «Volveu facer historia, colgándose dúas medallas nun campionato internacional. Non se lle pode pedir máis».

somoscomarca_atletismo_adas_ (2)
Xiana camiñando para subir ao máis alto do podio

Pungín, da categoría T13 (discapacidade visual), superou a súa mellor marca en lonxitude con 4,69 metros, o que lle valeu o terceiro posto nunha proba onde competían deportistas de distintas subcategorías. Nos 100 metros, logrou impoñerse no cómputo xeral, acadando o ouro. González destacou o seu traballo constante e a progresión nos campionatos de España, onde «case sempre se impón no 100 e na lonxitude».

Pero non foi a única alegría da semana para o atletismo da zona. Pablo García, outro talento da canteira, quedou sétimo na final estatal dos 110 metros valados na súa primeira tempada na categoría sub-20.

somoscomarca_atletismo_adas_ (3)
Pablo García nun momento da carreira

«É o pequeno dunha familia de atletas, e está a demostrar que leva o deporte no sangue», apuntou Tinín. O atleta, que se trasladará a estudar a Coruña, competiu no campionato disputado en Villafranca de los Barros (Badajoz), onde mellorou a súa marca persoal nunha pista que definiu como «espectacular».

somoscomarca_atletismo_adas_ (5)
Con Tinín o seu adestrador e presidente do club

Sobre a súa evolución, González destacou que «a adaptación foi moi boa. As valas soben de altura ao cambiar de categoría e Pablo respondeuno mellorando marca tras marca». Ademais, adiantou que o mozo pasará a adestrar cun especialista do sector en Galicia, «o que pode abrirlle novas posibilidades».

somoscomarca_atletismo_adas_ (6)

Outro nome propio da semana foi o de Ignacio García, atleta máster do Club Adas, que vén de lograr unha nova vitoria na milla celebrada en Polanco (Cantabria). «Aínda que é de Logroño, leva moitos anos vinculado ao club e xa é da casa», lembrou Tinín. García, xa medallista nun Mundial máster, destacou «pola súa autoridade na carreira e pola gran última recta».

somoscomarca_atletismo_adas_ (1)
Ignacio García, atleta máster do Club Adas, subindo a podio na milla celebrada en Polanco (Cantabria)

A tempada estival dá agora un respiro, pero xa se preparan novas probas e citas. Tinín aproveitou tamén a ocasión para felicitar publicamente ao Concello e a Eva Arias polo seu recoñecemento como pregoeira das festas locais: «É unha das mellores deportistas que tivemos no Barco e este nomeamento é máis que merecido».

Xiana Pungín fai historia en Turquía, o atletismo valdeorrés colle impulso internacional