sábado. 31.05.2025

O Vianariño feminino vence no derbi ante A Gudiña FS

A xornada deixou tamén a vitoria do equipo masculino de Viana e Vilariño e máis os triunfos do Rúa Valdeorras e o Pizarras Los Tres Cuñados
somoscomarca_20241012_arua_futbolsala_ruavaldeorras_vianariño (3)

O Vianariño feminino superou con claridade o A Gudiña FS (9-0) no derbi celebrado na terceira xornada da Primeira Futgal ourensá. O equipo que dirixe Anxo Macía sumou a primeira vitoria do curso nun partido que dominaron de principio a fin e no que sumaron unha vitoria que esperan que sexa a primeira de moitas esta tempada.

Con catro goles de Paula, dous de Eva, outros dous de Noa e un de Andu, o Vianariño logrou este contundente triunfo. «Somos un equipo que comezou a adestrar a pasada tempada, con xogadoras con pouca experiencia, e ao final cada partido imos aprendendo. Unha vitoria como esta supón un xute de moral e de confianza que nos vai permitir seguir medrando», indicou Anxo Macía, o adestrador.

somoscomarca_20241012_arua_futbolsala_ruavaldeorras_vianariño (4)

Na mesma categoría, o Rúa Valdeorras colleitou a terceira vitoria do curso, que se traduciu nunha nova goleada. Superaron 1-6 ao Cidade das Burgas ‘B’ grazas aos dous tantos de Marta Blanco e os anotados por Leti, Sabela, Alba e Lola. Neste encontro xa se puido estrear coa camiseta do Rúa a nova fichaxe, Mar, que levaba tempo adestrando co equipo. Xunto co Academia Futsal de Ourense, as amarelas lideran a liga, con pleno de triunfos.

Dúas vitorias na Preferente masculina

Tras o partido do Vianariño feminino, deu comezo no pavillón de Viana o do equipo masculino. O resultado foi o mesmo, unha vitoria. Venceron 8-5 ao Abetos Gondomar cos tantos de Borja (2), Javi (2), Joni, Roi, Igor e Bencho. O conxunto dirixido por Xocas ocupa a terceira posición, con 13 puntos tras acadar catro vitorias, un empate e unha derrota.

somoscomarca_20240929_obarco_pabelloncalabagueiros_futbolsala_trescuñados_vianariño (2)

Tamén sumou tres puntos o Pizarras Los Tres Cuñados (1-3), que se impuxo ao Baíña en Baiona. É a segunda vitoria da temporada para os barquenses, que lograron cos tantos de Camilo, Suli e Charly.

somoscomarca_20240929_obarco_pabelloncalabagueiros_futbolsala_trescuñados_vianariño (3)

O Vianariño feminino vence no derbi ante A Gudiña FS