sábado. 20.04.2024
Foto de familia dos deportistas ourensáns con axuda da Deputación
Foto de familia dos deportistas ourensáns con axuda da Deputación

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, entregou na  tarde de onte, no Centro Cultural Marcos Valcárcel as axudas a 51 deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais durante a temporada deportiva 2020-2021.

Oito padexeiros Valdeorreses, sete deles do Fluvial Barco, fixéronse coas axudas: Jesús Rodríguez León, Sergio Ruiz Paz, Marta Paradelo Rodríguez, Miguel Fernández Castañón, José Julián Becerro,  Saul Rodríguez Vega, Marcos González e Manuel Freire. O gañador do Descenso do Sil, Adrián Prada Pérez tamén recibiu unha destas 51 axudas, ao igual que Diego Teixeira e Jorge Paradelo en Motociclismo-Enduro e Mailén Aller Pfiter en Orientación.

Con esta iniciativa que leva a desenvolver a Deputación de Ourense desde o ano 1988, «o goberno provincial quere recoñecer de xeito público o traballo que consolida cada unha destas traxectorias, referentes nos seus respectivos deportes», resaltou César Fernández, que enmarca estas axudas dentro da «forte aposta da Deputación polo deporte dende todas as súas ópticas, tanto no fomento na base, como na colaboración cos deportistas e na consolidación de Ourense coma un gran ecosistema capaz de acoller probas do máximo nivel en calquera deporte».

As axudas concedidas, correspondentes á convocatoria do 2022, organízanse en catro grupos segundo a categoría do deportista, quedando distribuídas da seguinte maneira: no primeiro grupo atópanse catro axudas de 1.500 euros cada unha; no segundo grupo están oito deportistas que recibirán unha axuda de 850 euros cada un deles; no terceiro grupo inclúense oito axudas de 600 euros cada unha; e por último, no cuarto grupo están 31 deportistas cunha axuda económica de 400 euros para cada un deles. En total, a Deputación de Ourense destinou 30.000 euros en 51 bolsas para deportistas ourensáns procedentes de diferentes disciplinas deportivas coma a ximnasia trampolín, o piragüismo, atletismo, natación, o tiro olímpico, a vela, o bádminton

Ademais da entrega das axudas, realizouse o tradicional recoñecemento público a un técnico deportivo ourensán que nesta edición recaeu en Julio Fernández Pérez, «unha figura importante no desenrolo do deporte ourensán», segundo explicou César Fernández.

Sete padexeiros do Fluvial entre os 51 deportistas ourensáns que recibiron axudas da...