Trinta intelectuais ourensáns homenaxean a Florencio Delgado no Casino do Barco
Este domingo, 24 de abril, o Casino do Barco encheuse de intelectuais ourensáns no acto organizado polo Instituto de Estudos Valdeorreses para celebrar o Dia do Libro, uníndoo ao poeta valdeorrés, Florencio Delgado Gurriarán, neste ano que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
O acto comezou sobre as 12:00 da mañá da man de Marina Sánchez coa presentación do número 6 da revista cultural, «Nos, a xente de ao redor». Ademais, contouse coa participación da pintora da portada, Lola Doporto, que quixo destacar o orgullo que é para ela o participar nesta publicación.
Durante a presentación, tamén participou o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado; o do Casino, Pablo Dobao; e a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta. Ademais, «para facer un acto ameno incluíuse a presentación de dous libros», "Historias do fumeiro", de Avelino Jácome; e "A Bela Otero", de Miguel Coello.
E, como non podía ser doutra maneira, unha parte do acto estivo destinada ao protagonista deste ano, Florencio Delgado Gurriarán, onde se recitaron varios dos seus escritos. Ao finalizar, os participantes celebraron unha comida de fraternidade.
Pero, os ourensáns non quixeron perder a oportunidade de homenaxear a Florencio na súa terra. Por iso, na tarde do domingo, os participantes desprazaranse ata Córgomo para facerlle unha ofrenda cunha coroa de loureiro no panteón onde repousan as súas cinzas.