Florencio Delgado, protagonista do Festival Internacional de Cine de Ourense

Florencio Delgado, protagonista do Festival Internacional de Cine de Ourense
Ademais da estrea da película, onte comezaba en Valdeorras unha dinámica cos centros educativos para preparar a próxima gala do Premio de Poesía

O ciclo cine e literatura do OUFF, o Festival Internacional de Cine de Ourense, ten nesta edición 2022 un protagonista claro, Florencio Delgado Gurriarán. A vida e a obra do autor valdeorrés, homenaxeado nas Letras Galegas, estivo na pantalla do Teatro Principal Ourense onte este mércores 28 de setembro, na estrea do documental Florencio Delgado Gurriarán.

Do A ao Z, realizado por Aser Álvarez, de Arraianos Producións co apoio da Deputación de Ourense. Tal e como describe o seu director, o documental é un percorrido pola vida e obra de Florencio, explorando todas as posibilidades da linguaxe audiovisual a través das palabras, os poemas, as paisaxes de Valdeorras e as achegas dos seus biógrafos, familiares e amigos. Uns materiais que se combinan con imaxes e sons do seu arquivo persoal e familiar, xunto con músicas tradicionais e contemporáneas, os bailes, os viños e os lugares de Córgomo.

Aser Álvarez de Arraianos Producións no coloquio tras a estrea

Nel aparecen, ademáis de familiares de Florencio en México, Ricardo Gurriarán, Fátima Delgado, Héctor Carajaville e Xesús A. Montero. Á estrea de onte a tarde acudiu unha representación do proxecto As Letras de Florencio, coa súa directora, Débora Álvarez, o alcalde de Vilamartín Enrique Álvarez e a concelleira de Cultura do Barco Margarida Pizcueta.

Margarida Pizcueta, Aser Álvarez e Debora Álvarez na estrea

A gala máis participativa

Este xoves 29 de setembro remata o prazo para a presentación de obras para o IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán e mentras o xurado delibera, xa se avanzan os preparativos da gala de entrega do premio, que este ano pretende ser moi participativa. Así, dende o proxecto As Letras de Florencio iníciase un percorrido polos centros de Primaria da comarca para traballar co alumnado conceptos sobre a lingua galega presentes na poesía de Florencio. Despois será ese alumnado o que constrúa os lemas que estarán no recibidor do Teatro Lauro Olmo no photocall da gala.

As fillas de Florencio na gala das Letras Galegas no Teatro Lauro Olmo do Barco05-17 (9)