Arte no Rural: A Portela convértese de novo nunha galería de arte ao aire libre

A pequena aldea da Portela, situada entre os concellos de Larouco e Petín, volve a transformarse nun museo ao aire libre esta fin de semana coa terceira edición de "Arte no Rural", unha iniciativa impulsada pola Asociación Veciñal A Rabiosa, que busca dinamizar o pobo a través da cultura.

Sete artistas, sete miradas únicas, participarán nesta exposición ao aire libre, que enche as rúas de arte, historia e vida: Roberto Álvarez, Rogelio Dieguez, Paradella Artes, Sina Arias, Lili, Noé Blanco e dous veciños da propia Portela, José Fernández e María José Landeira.

Segundo Emilio Gómez, máis coñecido como Milucho, membro da asociación organizadora, «a idea xurdiu da ilusión de traer algo novo ao pobo e darlle vida cultural a través da arte». O evento conta tamén cun emotivo recordo a Lilí, nome artístico de Rogelio, falecido recentemente, «quen soñaba con expoñer na Portela, algo que agora se fai realidade a título póstumo».

Este ano, a encargada de dar o pregón inaugural foi Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco, quen destacou a importancia de iniciativas coma esta: «É admirable o movemento veciñal que ten a Portela. Unha aldea tan pequena cunha asociación tan activa merece todo o noso apoio».

A celebración tivo lugar nunha nova praza, froito da doazón da familia Crespo, e que servirá como espazo de encontro e cultura para todos os veciños. Esta particularidade de estar dividida entre dous concellos fai da Portela un lugar «singular pero moi unido», tal e como sinalou a alcaldesa.

Durante os días da exposición tamén se poderán degustar produtos tradicionais como callos, tortillas e viños da zona, cuxos beneficios servirán para financiar outras festas locais como a de San Vitoiro ou a Festa do Caldo.

 

A veciñanza está chamada a participar nesta celebración que mestura arte, memoria, comunidade e tradición. A exposición estará aberta ao público os días 1, 2 e 3 de maio, sempre que o tempo o permita.