Trala desescalada, as oficinas de Abanca —as únicas das que dispoñen estas localidades— reduciron o seu horario a dúas xornadas
Os veciños do rural están a ver pouco a pouco como lle son retirados os servizos dos que gozaban, coma a presenza dunha sucursal bancaria. Antes, en vilas do agro que non posuían unha oficina aberta permanentemente, como Manzaneda, San Xoán de Río, Vilariño de Conso ou O Bolo, polo menos había unha que abría tres días ó mes. Pero tralo estado de alarma o número baixou a dous.
Trala desescalada, as oficinas de Abanca —as únicas das que dispoñen estas localidades— reduciron o seu horario a dúas xornadas. O argumento esgrimido era o baixo fluxo de clientes. Sexa como for, situación obriga ou ben a acudir a outra vila a facer as operacións ou a empregar Internet ou o caixeiro automático, todo isto cinco días á semana.
O problema ve medrar a súa dimensión ó ter en conta o envellecemento da poboación rural, pouco afeita ó manexo das novas tecnoloxías. O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, quéixase de que “non lle podes obrigar a que use Internet para facer as operacións”. E, xunto cos alcaldes doutras vilas afectadas, enviaron un escrito a Abanca. Un escrito que o banco de Escotet non contestou.
O feito de que as oficinas do rural sexan desta entidade responde a que son herdeiras das caixas de aforros. “Aquí sempre se apostou polas caixas no rural”, di Fernández. Un pasado que quedou enterrado trala súa fusión e conversión en banco, e unha aposta que non parece ter recompensa: “iso é o que queren ó rural e o que nos devolven da confianza que houbo sempre neles”, quéixase. Aínda por riba, unha caída recente tanto de Internet como da telefonía imposibilitou levar a cabo operacións a distancia.
No caso do Bolo, os veciños deben facer 14 quilómetros ata a oficina da Rúa; no de San Xoán de Río, 15 km; dende Manzaneda, 7 km. Unha distancia que debe ser percorrida en taxi ou grazas ó favor dun veciño para quen non teña carnet. Iso non garante unha atención inmediata, xa que hai que gardar as correspondentes colas. Así e todo, é certo que nos dous días en que abren as sucursais afectadas non fai falla este desprazamento. Pero, di Fernández, as colas chegan “ata os 20 ou 30 minutos de espera” á intemperie.
A reestruturación bancaria leva en marcha xa varios anos locais en moitos lugares do territorio galego. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmaba o ano pasado que “o número de concellos sen bancos vai subir nos vindeiros anos”. Un proceso que se acelerou coa pandemia.