«Unións Agrarias e a administración puideron haber feito moito máis»

José Antonio Salgado, "Huesi", ten unha explotación gandeira en Pinza, Viana do Bolo, e viuse afectado con 13 casos de hemorráxica epizoótica. Ademais, a Asociación de Tenreira Galega Suprema atópase en folga dende principios de agosto

Continúa a problemática xerada pola hemorráxica epizoótica (EHE) que está afectando as explotacións gandeiras na provincia de Ourense, en concreto, na zona de montaña onde destacan as de Viana do Bolo. 

Esta enfermidade transmítese pola picadura dun mosquito. Aínda que non é contaxiosa entre os propios animais ou con humanos. 

En Pinza, unha das aldeas deste municipio, é onde se atopa a de José Antonio Salgado, "Huesi". Alí conta con 50 cabezas de gando das cales 13 víronse afectadas pola EHE. «Algunhas foron máis graves que outras, sobre todo ao principio», recorda o propietario, momento no que aínda non había unha alerta «do que ía acontecer». 

Esta situación data de finais de xullo ou principios de agosto, momento no que o veterinario comunicoulles a infección de algunha das rúas reses. En cambio, «agora parece que hai un pequeno paro, pero segue estendéndose». 

A hemorráxica epizoótica pode afectar de diferentes maneiras aos animais. En algúns casos comézanse a notar feridas no morro e deixan de alimentarse. Outras vacas póñense fracas «rapidamente e acaban morrendo». 

Os tratamentos recomendados polos profesionais son antiinflamatorios, antibióticos, pulverizadores «ou mel para as feridas da boca». 

Peticións ás administracións

Dende o sindicato de Unións Agrarias solicitaron a Xunta de Galicia a convocar, coa máxima urxencia, unha comisión de seguimento para analizar e dar respostas a proliferación desta problemática.

Porén, dende o punto de vista do gandeiro afincado en Pinza deberían «haber feito moito máis dado que este problema témolo aquí e agora. En cambio, en España o ano pasado xa arrasou con moitas vacas». A pesar destas palabras, non cree que a administración «teña a solución, pero si pornos en alerta antes». 

Unha vacina en fase de proba

«Agora hai una vacina, é unha primicia, que se fixo en Galicia», asegura Salgado. O principal inconveniente que atopa o gandeiro é que aínda se atopa en fase de proba e non se «saben os efectos secundarios que pode ter». 

De feito, na reunión que se organizou en Viana do Bolo xunto co Concello de Vilariño de Conso «informáronnos de como é a vacina». A maiores, recolleron inquietudes dos gandeiros da zona para trasladarllas a administración e «explicáronnos como temos que actuar».

Folga

Huesi aproveitaba esta entrevista para anunciar que dende a Asociación de Tenreira Galega Suprema «estamos en folga dende principios de agosto». Os gandeiros adheridos a esta organización non fan entrega de becerros debido a que o prezo «non cubre os gastos de produción». 

Samuel Formoso, responsable de carne do Sindicato Galego Labrego, asegura que «a xente o que quere e quitar os animais da corte a causa da enfermidade». «En principio» soamente son os membros desta agrupación os que secundan a folga.