Esta estrada de titularidade autonómica pasa polos concellos da Veiga, Viana do Bolo e O Bolo e contará cun presuposto de 1,2 millóns de euros
Un total de 6 empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de acondicionamento da estrada OU-129, ao seu paso polos concellos da Veiga, de Viana do Bolo e do Bolo, que suporán un investimento de máis de 1,2 millóns de euros. As obras nesta estrada, máis comunmente coñecida como o vial do "Alto do Covelo" saiu a licitación o pasado 21 de abril, rematando o prazo o pasado 18 de maio.
O obxectivo da Xunta é iniciar as obras este verán coa fin de poder rematalas este ano e ademáis antes da chegada do outono e con elo do mal tempo.
A intervención consistirá no reforzo de firme da estrada, ademais doutras actuacións ao longo de todo o seu trazado, de algo máis de 10 km de lonxitude, de cara a mellorar a seguridade viaria. Tamén se rematará a renovación da rodaxe en todo o ancho da estrada mediante a extensión dun drenaxe transversal.
Os traballos inclúen a reposición de 4.000 metros da barreira metálica existente, a renovación de toda a sinalización vertical, así como a colocación de fitos quilométricos e captafaros.
Ademais, prevese o repintado de todas as marcas viarias, a limpeza das marxes da estrada, con limpeza e reapertura de cunetas, e a adecuación de treitos antigos como cambios de sentido.
No marco deste contrato, actuarase tamén na zona de conexión da estrada OU-533, ampliando a plataforma dun ramal para dar continuidade á sección da estrada, máis 2 metros de cuneta transitable.
Tamén se corrixirá o peralte da curva do punto quilométrico 8+400 da OU-129, renovaranse as xuntas de dilatación na ponte sobre o río Xares e procederase á renovación da capa de rodaxe e á reparación das beirarrúas.
Cómpre lembrar que titularidade da OU-129, a antiga OU-0804, foi transferida á Xunta, o pasado 24 de setembro de 2020 dando cumprimento ao acordado coa Deputación Provincial de Ourense, polo que esta asumiu a titularidade das estradas OU-211 e OU-400.