
Segundo os datos actualizados pola Consellería de Medio Rural ás 8.00 horas de este sábado, 16 de xullo, seguen activos todos os incendios das nosas comarcas, sendo o da parroquia de Riodolas no concello de Carballeda de Valdeorras o que máis superficie está afectada, sobre 800 hectáreas. Ademais segundo puido saber Somos Comarca pasou a través da Serra do Eixe ao concello de A Veiga
Carballeda de Valdeorras
Permanece activo desde as 22,09 h. do xoves o incendio da localidade ourensá de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que afecta unha superficie estimada de 800 hectáreas provisionais. No seu control levan participado en total 3 técnicos, 10 axentes, 26 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 2 avións e 3 helicópteros.
Vilariño de Conso
Segue activo, desde as 6,57 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 95 hectáreas provisionais dentro do parque natural do Invernadeiro. No seu control traballaron ata o de agora 1 técnico, 3 axentes, 16 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 2 avións e 5 helicópteros.
Quiroga
Permanece activo desde as 20,29 h. do xoves o incendio no concello lucense de Quiroga, parroquia de Outeiro, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 250 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 2 técnicos, 12 axentes, 11 brigadas, 11 motobombas, 1 pa e 4 avións.
Segue activo desde as 11,42 h. de onte outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que rolda as 180 hectáreas provisionais. Ata o momento levan traballado nel 2 axentes, 4 brigadas, 2 motobombas e 2 helicópteros.
Continúa activo un terceiro incendio forestal en Quiroga, parroquia de Quiroga, que se iniciou ás 12,42 h. de onte e afecta unhas 90 hectáreas provisionais. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 2 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas e 2 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.