domingo. 08.06.2025

Segue activo o lume de Riodolas (Carballeda), afecta a máis de 500 hectáreas

Seguen activos os lumes de Riodolas (Carballeda de Valdeorras) e Pradoalbar en Vilariño de Conso, afectan unhas 500 hectáreas e 70 hectáreas, respectivamente

Brif en incendio de Vilariño de Conso
Segue activo o lume de Riodolas (Carballeda), afecta a máis de 500 hectáreas

Permanece activo desde as 22,09 h. de onte o incendio na localidade ourensá de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que afecta unha superficie estimada de 500 hectáreas. No seu control levan participado en total 3 técnicos, 7 axentes, 19 brigadas, 10 motobombas, 2 pas, 1 avión e 3 helicópteros.

Segue activo, desde as 6,57 h. desta mañanciña, outro incendio no concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 70 hectáreas dentro do parque natural do Invernadeiro. No seu control traballaron ata o de agora 2 axentes, 9 brigadas, 3 motobombas, 1 pa, 2 avións e 5 helicópteros.

Na veciña comarca de Quiroga, permanece activo desde as 20,29 h. de onte o incendio no concello lucense de Quiroga, parroquia de Outeiro, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 1 técnico, 8 axentes, 7 brigadas, 7 motobombas, 1 pa e 2 avións.

Activo desde as 11,42 h. desta mañá outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que rolda as 180 hectáreas. Ata o momento levan traballado nel 1 axente, 2 brigadas e 1 motobomba e 2 helicópteros.

Activo un terceiro incendio forestal en Quiroga, parroquia de Quiroga, que se iniciou ás 12,42 h. de hoxe afecta unhas 70 hectáreas provisionais. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 2 axentes, 6 brigadas, 3 motobombas e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Segue activo o lume de Riodolas (Carballeda), afecta a máis de 500 hectáreas