Que ver, que facer e onde troulear esta fin de semana en Valdeorras e arredores.
Se non tes claro onde ir ou que facer esta fin de semana, aquí dámosche moitas opcións para desfrutar do tempo de lecer. E se es máis de turisteo ou de ruta de sendeirismo, na sección Somos Turismo amosámosche: zonas de baño, rutas para camiñar, recantos que coñecer, monumentos que visitar...
Petín, mostra de Arte contemporáneo polas rúas
Até o domingo 20 de agosto as rúas do casco histórico de Petín convértense nun museo de arte ao aire libre. As paredes da igrexa, das casas e ás propias rúas «vestiranse» coas obras de sete artistas da comarca cuxo denominador común é o de ser valdeorrés.
Cochorro, Chus González, José Luis Prieto (Lilí), Iván Prieto, Reme Remedios, e as noveles Clara Quiroga e Alba Aizpuru amosarán as súas obras neste evento cultural que chega a súa cuarta edición.
Poderase visitar de 20.00 a 23.00 horas. «Unha experiencia artística no que o protagonista eres ti».
O Bolo, visita teatralizada no castelo
A Asociación Cultural Platea Lúa organiza unha visita teatralizada no Castelo do Bolo. Será o 19 de agosto, ás 21:00 horas. O aforo é limitado a 40 persoas e podes reservar a entrada no teléfono 617 557 961.
Ademais, O Bolo continúa coas visitas con guías oficiais ata o 30 de agosto. O santuario das Ermitas poderase ver os venres, sábados e domingos de 10.00 a 12.00 horas. O Castelo do Bolo, venres, sábados e domingos de 12.30 a 14.30 horas e o Museo Yosso, segundo e cuarto sábado de cada mes. Información e reservas no 606 017 105.
O Barco, ciclo Terrasón
Este sábado o ciclo Terrasón, organizado pola concellería de Cultura do Concello do Barco, contará coa actuación de Mazu, na praza das Escolas de Éntoma.
Mazu é unha artista emerxente que quere encontrar o oco no panorama musical independente. A cantante berciana ofrecerá un repertorio no que estará presentes os temas máis soados de Amaral,Extremoduro, Preguiza, Alvaro de Luna ou Love You. Será 22.30 horas.
A Rúa, Festa de San Roque
Ata o 22 de agosto a parroquia de Santo Estevo de A Rúa celebra a Festa na honra a San Roque.
Este sábado, como xa é tradicional, a Praza de César Conti acollerá o campionato de tute a partir das 16.00 horas. Desde este praza, pero un pouco máis tarde, ás 19.00 horas terá lugar a saída da XLI Volta Ecolóxica que levará aos participantes disfrazados nas súas bicicletas ata o Campo de San Roque. Ás 21.00 horas, actuación do grupo Arizona e sesión de tarde e noite
Xa o domingo, o pasarrúas da Banda de Música Santadega espertará aos veciños para que vaian á misa e procesión na honra de San Roque que será trasladado desde a igrexa de Santo Estevo a súa capela no Campo de san Roque. O concerto de Santadega amenizará a sesión vermú e a orquestra Costa Dorada protagonizará o baile e a verbena.
O luns o pasarrúas corre a cargo da charanga Nova Misa Campestre. Pola tarde día dos nenos e festa da auga. A festa e a verbena amenizaraas a orquestra Saudade.
Rubiá, convivencia nas adegas de Oval
Oval reabre 9 adegas este 19 de agosto a partires das 20.00 horas. Tomar un bo viño e comer ricos pinchos polas rúas da aldea está garantido. Sobre as 23.00 horas festa rachada.
Outradepregos, festas do Carme
Aínda que lexos da data de celebración da Virxe do Carme —16 de xullo— a poboación bolesa celebra esta data o ssábado e o domingo, 19 e 20 de agosto. O sábado pasarrúas de Abertal e actuación dos Brother’s e o domingo discomóbil Apolo.
Quiroga, festa castrexo romana
A festa de castrexos e romanos volve a Quiroga con Qui-roma, que este ano vai pola oitava edición. «vini, vide e vivea!».
Comezan as actividades da xornada ás 9.30 horas cunha ruta de cabalos para continuar ás 11.00 horas coa apertura do mercado Qui-Roma. Demostración de ganchillo e traballos de alame. Ademais haberá actividades para os máis pequenos e actuación dos gaiteiros romanos, Os Palletas.
O primeiro desfile e actuación da Garda Romana Lucus Equites será ás 11.30 horas. Logo a partires das 13.00 horas sesión vermú co dúo «Dos en Punto» e comida a base de pulpo e churrasco.
Pola tarde a partires das 16.30 horas actividades para nenas e nenos con obradoiros, escola de pequenos gladiadores ou xogos.
O bingo Qui-Romano comezará ás 18.30 horas e media hora despois o segundo desfile da Garda Romana Lucus Equites e espectáculo circense de Arturo Cobas Show. Ás 21.30 horas gran paellada e cara as once concerto do grupo The Loriens. A partir da medianoite a festa continuará ca discoteca móbil Dolce Vita.
Pobra de Trives, festa da bici
A saída será as 12.00 horas desde a Praza do Concello e levará aos participantes a recorrer 1 ou 5 quilómetros, segundo o traxecto que se elixa polar rúas da vila. É obrigatorio o uso de casco e ao remate sortearanse dúas bicis.
A Veiga, saída etnográfica
A saída etnográfica realizarase o luns 21 de agosto, dende a Praza do Concello da Veiga, ás 9.00 horas e admitirase un máximo de 50 persoas.
A visita guiada será polo centro de visitantes de Ponte, museo do liño de Requeixo e futuro museo de wolframio de Vilanova. Inscrición antes do sábado 19 de agosto na Oficina de Turismo de A Veiga. Máis información no teléfono 988 35 01 30.