Que facer esta fin de semana en Valdeorras
Fin de semana repleto de actividades coa chegada do Entroido, cunha programación chea de música, tradición e diversión en diversos puntos da comarca.
En Viana, haberá comparsas, fulións, fariñada e a inauguración dunha exposición sobre o Entroido. Manzaneda, pola súa banda, mantén viva a antiga tradición do Entroido en Cernado, onde terá lugar a Fuliada da Mourela pra Acá, con "permiso" e ronda de fulión.
O folión Os Viticultores celebrará o seu décimo aniversario cun gran desfile e a sexta Festa das Sopas de Allo. En Portela (Petín-Larouco), a gastronomía será a protagonista coa terceira Festa do Caldo, mentres que a Asociación Española contra o Cancro organiza unha chocolatada solidaria.
O Folión, Os Labregos das Terras de Trives celebra o seu vixésimo aniversario cunha xuntanza de agrupacións o domingo 23 de febreiro a partir das 15:30 h, precedida polo "Sábado Labrego", con disfraces, música e moito Entroido. En Buxán, a Ruta das Bodegas , cun percorrido por adegas, viño, petiscos e música.
Para os amantes do teatro, o musical "Bella y Bestia Son" chega ao Teatro Municipal Lauro Olmo nunha función para todos os públicos.
Vilariño (O Barco), Festa do Anxiño
A aldea de Portela, parroquia do concello do Barco celebra esta fin de semana as festas na honra ao Anxo da Garda. O sábado 22 é o día grande con procesión , misa solemne e sesión mermú a cargo do grupo de gaitas Trenla e o domingo actua ción do grupo La Hora Bruja.
Viana do Bolo, o Entroido quenta motores
Viana mergullarase no Entroido cunha intensa programación chea de música, tradición e diversión para todos os públicos.
Sábado 22 de febreiro, Comparsas e Fulións. A xornada dará comezo ás 11:00 h coa primeira comparsa na aldea de Seoane de Arriba, onde os veciños e visitantes poderán gozar dun ambiente festivo marcado polo son dos bombos e as aixadas. Pola tarde, ás 17:00 h, a festa trasladarase á aldea de Mourisca, onde outra comparsa percorrerá as súas rúas ao ritmo do folión.
A partir das 20:00 h, a vila encherase de branco e alegría coa tradicional fariñada, unha das actividades máis esperadas na que a fariña se converte en protagonista entre os asistentes. Xunto con ela, os fulións tomarán as rúas, ofrecendo unha mostra do auténtico espírito do Entroido.
O domingo 23 de febrero, mostra de Entroido. A partires das 19:00 horas terá lugar a inauguración da exposición "O noso Entroido, un cachiño de cada casa" na sala de exposicións do Concello. Esta mostra ofrecerá unha viaxe pola historia e as peculiaridades do Entroido, exhibindo traxes tradicionais, fotografías antigas e obxectos representativos desta celebración. Será unha ocasión perfecta para coñecer mellor as raíces e evolución desta festa tan arraigada na comarca.
Manzaneda, fuliada en Cernado
O pobo de Cernado, en Manzaneda, mantén unha antiga tradición de Entroido. A pesar da desaparición de veciños, esta perdura. O sábado 22 de febreiro celebrarase a Fuliada da Mourela pra Acá, con "permiso", ronda de fulión a partir das once da mañá
O "fulión" agrupa xente das aldeas situadas dende a ponte da Mourela cara acá. O "permiso" é a tradición que permite tocar o folión no pobo veciño. Nos pobos existen as "visitas", onde un folión acode á aldea veciña. "Antigamente cada pobo tiña un pobo compañeiro, a nós (Vilarmeao) visítanos Raigada antes do Domingo Gordo e viceversa", explica un membro do fulión. "Iso é o mellor, porque se coñece todo o mundo".
Esta tradición ancestral tamén serve para lembrar os que xa non están. A tradición pode vivirse de moitas formas, pero sobre todo, hai que entendela.
Vilamartín, Sopas de allo
O espírito do Entroido xa se sente en Vilamartín de Valdeorras. O folión Os Viticultores prepárase para a gran cita do 22 de febreiro, celebrando unha década de existencia cun desfile de folións e a sexta Festa das Sopas de Allo.
As rúas de Vilamartín vibrarán con música e cor, coa participación de diversos folións da comarca e de Galicia. Os actos comezarán ás 11 da mañá na Praza José Luis Núñez, coa lectura do pregón a cargo de Marina, do Folión de Tameirón, e Concha, do Folión de Carracedo da Serra. Os máis pequenos pedirán o permiso para tocar, recitando versos que marcan o inicio da festa.
O desfile contará, ademais de Os Viticultores, con grupos como Carracedo da Serra, Tameirón, Petín, Chandrexa de Queixa, O Fiadeiro de Trives, O Irrio de Castro Caldelas, o Folión de Sobrado de Trives e O Can de San Roque de Vilardevós.
Ás 14:30, no pavillón do Bañadoiro, celebrarase a Festa das Sopas de Allo. As entradas están dispoñibles ata o 14 de febreiro en varios establecementos e custan 15 euros, sendo gratis para menores de cinco anos. Inclúen a participación no sorteo dunha cesta de embutidos.
O menú será un festín gastronómico con sopas de allo, patacas fritas, aceitunas, ovos á galega, orella e morro á galega, chourizos cocidos, empanada, bica, café e licores. Unha oferta ampla para gozar do Entroido con tradición e sabor.
Portela, Festa do Caldo
A terceira Festa do Caldo na Portela de Portomourisco, o sábado 22 de febreiro, ás 14.00 horas. O menú estará composto por: Caldo a esgalla, carne do caldo, torta de roxóns, viño e auga, café de pota e licores.
A festa gastronómica está organizada como en anos anteriores pola asociación veciñal A Rabiosa que ademáis de preparar a comida e servila tamén terán sorpresas e agasallos para os asistentes. O polifacético Fran Nogueira, actor de cine, teatro televisión e de calquera arte escénica que se lle poña por diante estará no xantar.
Petín, Chocolatada solidaria
A Asociación Española contra o Cancro organiza unha "Chocolatada" o 22 de febreiro, ás18.00 horas no Teleclub de Petín. Aínda que xa se cubriron as 150 entradas previstas tamén se admite axudas.
Pobra de Trives, Os labregos cumpren 20 años
Co gaio do vixésimo aniversario do folión das Terras de Trives, Os labregos, realizarase una xuntanza de agrupacións na capital da comarca trivesa o o 23 de febreiro, a partir das 15.30 horas.
O día anterior «Sábado Labrego» no que haberá disfraces música e moito Entroido. A partires das 17.00 horas Fulión pequeno e as sete da tarde actuación da charanga «A Felga». As oito e media abrirase a venta de empanada e bolos preñados e una hora máis tarde actuaciób de Dj Sergito e Dj You. Cúmprense 20 anos dunha iniciativa que reúne a numerosas tradicións do Entroido do oriente Ourensán en Trives.
O Bolo, ruta das adegas en Buxán
A Ruta das Bodegas que organiza o Folión de Buxán cumpre 10 anos. O 22 de febreiro a partir das 12 da mañá. ata que o corpo aguante, viño, petiscos en cada adega e moito son polas rúas do pobo.
O Barco, teatro
O musical "Bella y Bestia Son" chega este sábado 22 de febreiro ao Teatro Municipal Lauro Olmo ás 19:00 horas, nunha función apta para todos os públicos. A Compañía de Teatro Valderas presenta esta adaptación do clásico conto francés, dirixida por Noelia García Valliñas, cunha gran montaxe escénica e un elenco de actores e actrices que prometen unha experiencia teatral única.
A historia transportará ao público a un mundo máxico, onde os personaxes cobran vida a través da música e da emoción. O espectáculo busca transmitir unha mensaxe fundamental: "A persoa adecuada e a dose xusta de amor poden sacar o mellor de ti, porque a verdadeira beleza está no interior".
A representación ten unha duración aproximada de 100 minutos, cun pequeno descanso. As entradas estarán dispoñibles na billeteira do teatro desde unha hora antes da función, ao prezo de 5 euros