Medio Rural publica o novo convenio con Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias

O acordo, ao que xa poden adherirse os concellos, duplica o orzamento ata os 25 millóns de euros anuais e permitirá iniciar as actuacións a comezos de 2026

A Consellería do Medio Rural vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) o novo convenio coa empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, un acordo ao que xa poden adherirse os concellos interesados para recibir apoio da Xunta na realización destas tarefas preventivas fronte aos incendios forestais.

O convenio, que estará vixente ata o ano 2029, foi asinado co obxectivo de que as actuacións poidan comezar a principios de 2026, grazas á axilidade na súa tramitación. A finalidade principal é facilitar que tanto as entidades locais como os propietarios particulares poidan cumprir coas obrigas establecidas na normativa vixente en materia de prevención de incendios.

Entre as principais novidades do acordo destaca o incremento do orzamento, que se duplica ata os 25 millóns de euros anuais, incluíndo o Fondo de Limpeza de Faixas, dotado con 10 millóns de euros por anualidade. Este reforzo económico permitirá ampliar e mellorar as actuacións previstas, cun apoio especial aos concellos de menos de 10.000 habitantes e aos propietarios particulares.

Neste senso, a Consellería do Medio Rural poderá asumir a competencia para ordenar a execución subsidiaria nestes municipios, facilitando así o cumprimento das obrigas legais cando non sexa posible facelo por medios propios. Ademais, axilizaranse as execucións subsidiarias nas zonas de risco de incendio onde os propietarios non cumpran cos seus deberes, conforme ao recollido na Lei de medidas dos orzamentos de 2026.

O convenio incorpora tamén un aumento significativo das parroquias priorizadas, nas que os titulares poden contratar os servizos de Seaga a un custe reducido. Estas parroquias pasan de 157 en 2025 a 276 en 2026, ampliando notablemente o ámbito de actuación do sistema público de xestión da biomasa.

A maiores, o acordo contempla apoio técnico aos concellos para revisar, modificar e elaborar os plans municipais de prevención, así como colaboración nas tarefas de inspección e notificación aos propietarios. Como ata agora, manterase a posibilidade de realizar execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano fóra das parroquias priorizadas, ademais da limpeza de ata 12 quilómetros de vías municipais.

Un sistema consolidado en Galicia

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural desenvolve este sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias dende o ano 2018. Ao longo deste período adheríronse 292 concellos de toda Galicia, dos cales 268 contan co plan de prevención aprobado.

Dende 2021 inspeccionáronse máis de 2,5 millóns de parcelas e realizáronse rozas subsidiarias en máis de 6.500 predios. No caso das parroquias priorizadas, os servizos de Seaga foron contratados en máis de 27.200 parcelas, o que evidencia a consolidación dun modelo clave para a prevención dos incendios forestais e a protección do territorio rural galego.