jueves. 29.02.2024
somoscomarca_arua_avenida_presentacion_campañapublicitaria_do (1)
somoscomarca_arua_avenida_presentacion_campañapublicitaria_do (1)

 

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras activa unha nova campaña promocional para os seus viños, particularmente centrada no potencial do godello, que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses en dúas fases. Creada pola axencia galega LAPERA, a iniciativa foi presentada esta mañá de domingo, 26 de novembro,  no Centro Cultural Avenida da Rúa por Araceli Fernández, vogal do organismo, que detallou os eixos centrais e obxectivos do conxunto de accións de comunicación e publicidade que pretenden contribuir a fortalecer o posicionamento e “a potencialidade dos viños da comarca entre diferentes públicos obxectivo e aumentar o seu grao de coñecemento para tentar acceder a novos mercados.

somoscomarca_arua_avenida_presentacion_campañapublicitaria_do (3)

“E facelo pode ser máis doado se teñen o respaldo dun conxunto de accións articuladas a través dunha atractiva campaña, moi profesional, cun innegable gancho e cunha forte compoñente creativa que se sustenta, como eixo central, na potencialidade do godello: verdadeiro buque insignia do noso territorio amparado”, sinalou Araceli Fernández.

somoscomarca_arua_avenida_presentacion_campañapublicitaria_do (2)

A estratexia publicitaria busca protexer o vínculo entre unha terra e as súas xentes, Valdeorras; e un viño que é a súa máxima expresión, o godello. A idea creativa é moi simple “e baséase en que cando algo forma parte de ti, perténceche e é teu, conforma o teu patrimonio. E só podes transmitir, doar ou legar o que verdadeiramente é teu. E esta a historia que conta O Legado de Valdeorras, a historia dunha terra que entrega un viño ao mundo, para que sexa coñecido e desfrutado por todos”, explican dende LAPERA.

 

​ ​

Os obxectivos da campaña

A misión é fixar entre os principais grupos de interese, prescritores e consumidores (actuais e potenciais) dos viños da comarca un relato moi concreto articulado en torno a que Valdeorras é o berce do godello. “Aquí os viños que se elaboran con este tipo de uva son, por norma, 100% monovarietais”, asegurou Fernández. “O auténtico godello nace en Valdeorras e o xerme do que existe plantado en todo o mundo parte desta terra na que nos atopamos”, continuou.

O equipo de Goberno do Consello Regulador é consciente de que o godello goza de cada vez máis recoñecemento nos mercados e, por ese motivo, quere intensificar o seu posicionamento trasladando a idea de que se trata dun viño orixinal, moitas veces exclusivo (algúns deles forman parte do selecto grupo de brancos de España mellor puntuados na Guía de Parker) e puramente autóctono, rescatado da extinción alá polos anos 70 do pasado século.

Principais accións que se desenvolverán

Nesta primeira fase da campaña, que comeza mañá luns, preténdese tratallar sobre todo o nivel identificativo para afianzar a relación entre o territorio e o godello. Un spot, eixo central da iniciativa, amosa como se envían cartas a tres persoas ubicadas en diferentes partes domundo. Ao ler a misiva, descobren o seu legado. O texto da carta describe a herdanza e todo o que acompaña a este concepto e enfatiza os ítems de terra, clima, viticultura dun pobo e forma de facer.

O anuncio rodouse durante tres días en toda a comarca de Valdeorras e editouse en formato Cinemascope, que permite que as imaxes máis panorámicas poidan amosar toda a beleza da zona. Trátase dun formato típico nas películas que se proxectan nos cinemas pero que resulta novidos en produción publicitaria.

“Creativamente, a axencia que nos axudou na elaboración dos diferentes materiais buscaba impacto, e creo que se conseguiu facendo protagonistas a persoas emprazadas en diferentes lugares do globo. Persoas que van gozar do godello, un viño que a terra de Valdeorras lles ten legado”, destacou tamén Araceli Fernández durante a presentación.

Ao tempo, asegurou que “a campaña busca xerar expectación, espertar interese sobre o que estamos a contar e crear a necesidade de seguir atentos á mesma para continuar vendo e descubrindo a historia completa que queremos trasladar”. Por iso, para xerar tráfico e audiencia creouse unha landing page, legadovaldeorras.gal, na que se amosa o anuncio íntegro e se pode acceder ás diferentes pezas e creatividades deseñadas.

Nesta primeira fase promocional, promoveranse accións para gañar visibilidade e impacto. Entre estas, a rotulación semiintegral dalgúns autobuses que conectan Galicia con diferentes puntos do país. Tamén se aposta por Internet a través da denominada compra programática como formatos Rich Media, de gran impacto, e en sites relevantes de interese para os públicos obxectivo da D.O.

Podcasts e plataformas de televisión dixital

En torno a novas canles como os podcasts tamén se vertebra a campaña. Por iso, concibíronse cuñas especiais para incluir nalgúns dos máis relevantes para o segmento de audiencia ao que ésta se dirixe. Xunto a isto, a difusión terá en conta tamén as plataformas de televisión dixital, sen esquecer outros soportes máis tradicionais e de carácter offline como a presenza en blogs de recoñecido prestixio.

Fixar a identificación entre o territorio e o godello, obxetivo da nova campaña...