martes. 24.06.2025

Estabilizado o lume de Riodolas (Carballeda) no que levan ardido 1100 hectáreas

Segue activo o de Pradoalbar de Vilariño de Conso que afecta unhas 160 hectáreas do parque natural do Invernadeiro

somoscomarca_riodolas_candeda_incendo_2022
Estabilizado o lume de Riodolas (Carballeda) no que levan ardido 1100 hectáreas

Van diminuíndo a actividade dos lumes que rodean a comarca de Valdeorras. Poderíase dicir que xa se nota no aire desta primeira hora da mañá. O fume é moito menos que onte a tarde, no val so Sil. Que o incendio de Carballeda de Valdeorras estea xa estabilizado, así como os de Outeiro e Nocedo en Quiroga, fai que se polo menos se poida ver o azul do ceo.

somoscomarca_montañasdetrevinca_candeda_serradoeixe_2022
Así se vían as montañas e o ceo está mañá desde o Alto do Xirimil

Carballeda de Valdeorras

Estabilizado ás 00,40 h. desta madrugada o incendio da localidade ourensá de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que afecta unha superficie estimada de 1.100 hectáreas provisionais. No seu control levan participado en total 5 técnicos, 18 axentes, 46 brigadas, 22 motobombas, 3 pas, 4 avións e 6 helicópteros.

Vilariño de Conso

Segue activo desde as 6,57 h. do venres o incendio do concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 160 hectáreas provisionais dentro do parque natural do Invernadeiro. No seu control traballaron ata o de agora 1 técnico, 8 axentes, 26 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 avións e 7 helicópteros.

Quiroga

Continúa activo o incendio forestal da localidade lucense de Quiroga, parroquia de Quiroga, que se iniciou ás 12,42 h. do venres e afecta unhas 90 hectáreas provisionais. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 8 axentes, 20 brigadas, 13 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

Controlado ás 22,25 h. de onte o incendio que se orixinara o xoves ás 20,29 h. tamén en Quiroga, parroquia de Outeiro. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 250 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 2 técnicos, 16 axentes, 16 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 4 avións e 4 helicópteros.

Controlado ás 23,53 h. de onte outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que -segundo as últimas medicións sobre o terreo- rolda as 15 hectáreas provisionais. Ata o momento levan traballado nel 1 técnico, 8 axentes, 9 brigadas, 7 motobombas e 3 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085

Estabilizado o lume de Riodolas (Carballeda) no que levan ardido 1100 hectáreas