A Deputación reforza o apoio aos concellos con máis de 431.000 euros e impulsa a vivenda en Valdeorras
A Deputación de Ourense aprobou unha nova partida de axudas directas a concellos por valor de máis de 431.000 euros, dentro dun paquete global de investimentos que supera os 946.000 euros. Unha liña de apoio que ten especial incidencia en Valdeorras, con actuacións en varios municipios da comarca.
Entre os concellos beneficiarios destacan Carballeda de Valdeorras, que recibirá 79.999,97 euros para a reparación e recuperación de beirarrúas e espazos urbanos en Sobradelo; A Rúa, con 70.000 euros destinados á urbanización da prolongación da rúa Mazaira; e Vilamartín de Valdeorras, que contará con 50.820 euros para melloras na súa planta potabilizadora.
Tamén figura Viana do Bolo, con 36.300 euros para a adquisición de maquinaria municipal, nun conxunto de actuacións que buscan mellorar infraestruturas e servizos básicos nos concellos.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou que estas achegas «responden á aposta clara pola cooperación cos concellos» e subliñou que constitúen «unha ferramenta fundamental para garantir servizos de calidade no conxunto do territorio».
Impulso á vivenda no rural
Xunto a estas axudas, a Deputación deu luz verde á resolución do Plan Provincial de Vivenda, unha iniciativa que mobiliza 500.000 euros para a adquisición, rehabilitación e mellora de vivendas destinadas ao alugueiro residencial público.
No caso de Valdeorras, os concellos de Larouco e A Veiga figuran entre os beneficiarios, con 40.000 euros cada un, destinados a incrementar o parque de vivenda e facilitar o acceso á mesma no rural.
Segundo explicou Luis Menor, «o Plan Provincial de Vivenda está a consolidarse como unha ferramenta clave para afrontar o reto demográfico», contribuíndo á fixación de poboación e á dinamización dos municipios.
Cultura e convocatoria
A sesión da Xunta de Goberno incluíu tamén a aprobación das bases da 45ª edición do Premio de Novela Eduardo Blanco Amor, dotado con 15.000 euros, reforzando así o compromiso da Deputación co ámbito cultural.