A Deputación inaugura este venres a 30ª edición de Pazolandia, con máis innovación e inclusión

A Deputación inaugura este venres a 30ª edición de Pazolandia, con máis innovación e inclusión
Novas atraccións, actividades inclusivas e un mural conmemorativo de LEGO, entre outras novidades

A Deputación de Ourense inaugura este venres 26 de decembro a 30ª edición de Pazolandia, o gran espazo lúdico e familiar do Nadal, que este ano chega cunha programación renovada e importantes novidades pensadas para ofrecer unha experiencia máis completa, inclusiva e segura aos nenos e nenas da provincia.

O evento, que se celebra no Pazo Paco Paz, cumpre tres décadas consolidado como unha das principais referencias do Nadal ourensán e como punto de encontro das familias do territorio provincial. Nesta edición está confirmada a participación de 62 concellos, aínda que se prevé que a cifra poida acadar os 65, reforzando así o carácter provincial da iniciativa.

Entre as principais novidades destaca a atracción King Joker (Cárcere), cun sistema de cinco gaiolas para o público, movemento circular e unha altura máxima de voo de ata 18 metros. Súmase tamén un mural conmemorativo de LEGO, creado expresamente para celebrar o 30º aniversario de Pazolandia, unha peza única composta por máis de 56.000 pezas.

A programación complétase cun circuito de coches tolos eléctricos, con rodas traseiras deslizantes que permiten realizar derrapes controlados, e cun labirinto infantil de Halloween, adaptado aos máis pequenos como primeira experiencia nun espazo temático de carácter lúdico-terrorífico.

Pazolandia reforza nesta edición o seu compromiso coa inclusión e a accesibilidade, coa creación dunha zona de calma para nenos e nenas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) que precisen un espazo tranquilo, unha zona de lactancia e unha zona preinfantil con xogos de construción e xoguetes adaptados ás idades máis temperás.

Ademais, celebrarase unha sesión específica de Pazolandia Inclusiva o 3 de xaneiro pola mañá, sen ruído ambiental, dirixida especialmente a nenos e nenas con TEA.

Como medidas adicionais de atención á diversidade, habilitaranse pulseiras identificativas para menores con TEA ou necesidades especiais, que permitirán evitar colas, así como auriculares illantes de ruído para nenos e nenas con hipersensibilidade auditiva. Ambos os recursos estarán dispoñibles no stand de información.

A programación inclúe tamén obradoiros sensoriais, como Xogo de fíos, unha proposta creativa e inclusiva que promove o tacto, a imaxinación e o recoñecemento das diferentes capacidades. Ademais, haberá sorteos en todas as sesións de Pazolandia.

Dispositivo de seguridade

Pazolandia contará cun completo dispositivo de atención médica, seguridade e emerxencias, coa presenza de servizos sanitarios, forzas de seguridade, bombeiros e Cruz Vermella, garantindo así o benestar de todas as persoas asistentes.

Con esta ampla programación e unha forte aposta pola inclusión, Pazolandia consolídase un ano máis como unha das citas imprescindibles do Nadal ourensán e como un espazo de encontro para as familias de toda a provincia.