Aprobado o primeiro convenio colectivo para os Bombeiros do Consorcio Provincial de Ourense
O Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento aprobou o primeiro convenio colectivo para o persoal operativo dos parques de bombeiros dependentes desta entidade, ademais da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) deste servizo. Estes acordos foron ratificados no pleno celebrado esta o pasado venres, 14 de febreiro, no Pazo Provincial.
O consorcio, integrado pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ten a xestión a cargo da institución provincial. Este convenio e a RPT beneficiarán directamente aos 72 bombeiros que prestan servizo nos parques de O Carballiño-Ribeiro, Valdeorras, Xinzo de Limia e Verín, cun equipo de 18 efectivos en cada centro.
As convocatorias para a aprobación destes acordos desenvolvéronse coa participación dos representantes da Deputación de Ourense, entre eles o deputado Plácido Álvarez, en calidade de presidente do Consorcio, a vicepresidenta primeira Marta Nóvoa e o deputado José María Lago.
Por parte da Xunta de Galicia, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, encabezou a representación no pleno, mentres que o subdirector xeral de Interior e Seguridade, Andrés Iglesias, e o xefe do servizo de Emerxencias da xefatura territorial de Ourense, José Olivier, participaron nas tres reunións.
Os traballadores estiveron representados polos sindicatos CSIF, CIG, UXT, CC.OO e SIBGAL, que participaron activamente na negociación e aprobación do convenio. Esta aprobación representa un paso significativo na regulación das condicións laborais dos bombeiros provinciais, mellorando as súa situación profesional e organizativa dentro do servizo de emerxencias de Ourense.