A Veiga reforza a súa colaboración coa Xunta para atraer talento, crear emprego e impulsar a cultura local
O alcalde, Juan Anta, mantivo nos últimos días reunións cos conselleiros de Emprego e de Cultura para avanzar en novos proxectos que contribúan ao desenvolvemento económico, social e cultural do municipio
Nun primeiro encontro, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, abordou con Anta medidas para atraer perfís cualificados e facilitar a cobertura de vacantes laborais no municipio. O responsable autonómico salientou o compromiso da Xunta coa atracción planificada de talento, tanto galego retornado como doutros países, e coa formación e retención de profesionais no territorio. Ademais, anunciou para 2026 un programa de axudas á rehabilitación de vivendas, dotado con 1,5 millóns de euros, dirixido ás persoas contratadas no marco deste plan.
Durante a reunión, González destacou que o Goberno galego conta cunha ampla batería de medidas que combinan, por unha banda, a atracción planificada de talento do exterior e, por outra, a formación e retención do talento interno. No ámbito da captación de talento exterior —que inclúe tanto ás persoas galegas retornadas como a traballadores de terceiros países—, o conselleiro avanzou a posta en marcha deste programa de axudas, pensado para facilitar a integración e asentamento das persoas contratadas na comarca.
En canto ás medidas de formación e inserción laboral no territorio, abordáronse iniciativas como Aprol Rural, da que A Veiga é un dos 96 concellos ourensáns beneficiados, facendo da provincia de Ourense a máis favorecida neste programa. Este proxecto, centrado na contratación de persoas desempregadas para tarefas de prevención de incendios forestais, reforzarase o vindeiro ano cun incremento de máis de 6 millóns de euros, ata acadar os 20 millóns de investimento total, e coa novidade da creación de axudas para contratar coordinadores municipais de prevención.
Así mesmo, no encontro destacouse o papel dos obradoiros de emprego, que reforzarán a súa orientación práctica para mellorar a empregabilidade das persoas participantes. A metade do orzamento destes programas destinarase á formación na familia agraria, impulsando a profesionalización e o relevo xeracional no sector.
Reunión tamén con Cultura, Lingua e Xuventude
Nesa mesma liña de colaboración, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo tamén unha xuntanza co rexedor da Veiga para coñecer de preto os proxectos do municipio en materia cultural, patrimonial e xuvenil. O encontro serviu para explorar novas vías de cooperación que impulsen a dinamización da cultura local, a protección do patrimonio, a promoción da lingua galega e o apoio a iniciativas dirixidas á mocidade.