A Veiga prepárase para seguir «tecendo soños» esta fin de semana

A Veiga prepárase para seguir «tecendo soños» esta fin de semana.
O municipio tamén albergará a actuación de La Oca Band mañá venres día 9 e a inauguración da mostra "As terras de Trevinca nos lenzos de Paco Ascón" o sábado 10

A programación de verán continúa na Veiga esta segunda fin de semana de agosto con diversas citas marcadas no calendario —ademais das actividades astronómicas enmarcadas no Día de San Lorenzo—. 

A primeira delas desenvolverase mañá venres día 9 de agosto na praza do Concello. Será a actuación de La Oca Band dentro do programa de festas da Veiga. 

Tecendo Soños (ano 2023)

O sábado día 10 vai ser unha xornada cultural no municipio coa inauguración da mostra "As terras de Trevinca nos lenzos de Paco Ascón". A Sala de Conferencias O Toural acollerá devandita presentación, que arrincará ás 18:00 da tarde. A entrada é libre e gratuita e haberá petiscos.

Xa o domingo día 11 de agosto inaugurarase unha nova edición da iniciativa Tecendo Soños, sendo o sétimo ano en que se realiza. Será nun acto na praza do Concello ás 20:00 horas, e contará coa actuación da Escola de Música Municipal. 

O mesmo domingo a praza do Toural acollerá o espectáculo de Luar na Lubre a partir das 21:30 horas.