«O importante non é volver para casa cunha boa fotografía; é volver cun recordo que che acompañe toda a vida».
Hai acontecementos que duran apenas uns segundos, pero permanecen toda a vida na memoria. Iso é o que promete o 12 de agosto en Trevinca, onde o eclipse total de Sol e a posterior choiva de estrelas das Perseidas converterán o teito de Galicia nun escenario privilexiado para mirar ao ceo... ou, como di o guía de montaña Juanjo Lorenzo, «observalo». Porque, insiste, «non é o mesmo mirar ca observar».
O destino turístico Trevinca-A Veiga Starlight preparou unha experiencia que permitirá seguir ambos os fenómenos desde un enclave de acceso limitado e acompañado por guías especializados. Unha proposta pensada para quen queira algo máis que contemplar un eclipse: para quen queira entendelo, sentilo e vivilo.
«É un evento único na vida», resume Juanjo Lorenzo. Explica que Trevinca reúne unhas condicións excepcionais para a observación, cunha totalidade de entre corenta e cincuenta segundos e unha baixa probabilidade de nubes, o que converte a comarca nun dos lugares con máis garantías para desfrutar do fenómeno en Galicia. «Noutros puntos pode durar algún segundo máis, pero tamén aumenta moito a posibilidade de que o ceo estea cuberto», explica.
Con todo, para Lorenzo o realmente importante non son as cifras. «Está ben quedar con nomes, distancias ou datos, pero o importante é desfrutar do evento», afirma. Por iso anima a deixar por un intre o teléfono móbil e as fotografías e dedicarse simplemente a vivir un momento que dificilmente volverá repetirse para quen o contemple desde Galicia.
Moito máis ca un eclipse
A experiencia continuará xa entrada a noite coa observación das Perseidas, unha das citas astronómicas máis esperadas do verán. Para o guía, mirar as estrelas tamén é unha forma de volver á infancia. Lembra aquelas noites na aldea, deitado na herba, deixando voar a imaxinación mentres o ceo parecía infinito. «Non é só a parte científica; tamén está a parte humana», reflexiona.
Precisamente por iso, a actividade desenvolverase con grupos reducidos. O obxectivo é que cada participante poida percibir os pequenos cambios que acompañan un eclipse total: o silencio repentino da natureza, a baixada da temperatura, o cambio de comportamento das aves ou esa escuridade inesperada en pleno serán. «Eses pequenos detalles son os que converten unha experiencia nunha gran experiencia», asegura.
Lorenzo lembra tamén que será imprescindible utilizar lentes homologadas para observar o eclipse con seguridade e anima a compartir ese momento «coa xente coa que realmente queres vivilo», porque entende que hai recordos que cobran máis valor cando se comparten.
As persoas interesadas aínda están a tempo de inscribirse nesta actividade organizada por Terras Altas de Trevinca, aínda que as prazas son limitadas. En todo caso, o guía lanza unha mensaxe que vai máis alá desta proposta concreta: «Con nós ou por libre, o importante é que a xente o desfrute». Porque hai fenómenos que non se poden repetir cando un queira. Simplemente chegan... e hai que estar alí para vivilos.
Tu prueba Premium ha finalizado