viernes. 29.03.2024

“Crianza Trevinca” deu o pistoletazo de saída coa homenaxe ao rural galego. Con esta vocación naceu o pasado ano na Veiga e conseguiu atraer a miles de persoas.

Esta segunda edición da “Exposición Gandeira e Agrícola de Trevinca” que organiza o Concello da Veiga co apoio do Inorde, inaugurouse hoxe na praia do Coiñedo. O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Medio Rural da Xunta, José Balseiros, deron así comezo oficialmente a unha completa e variada programación que trata de achegar a adultos e cativos a esencia dos territorios rurais.

somoscomarca_aveiga_crianzatrevinca_feiradegando_2022 (38)
Acto inaugural de Crianza Trevinca coa Banda de Gaitas da Veiga

Esta celebración que terá lugar este fin de semana e que aspira a converterse na cita de referencia para o sector gandeiro de Galicia, “amosará a gran capacidade gandeira da nosa provincia nun dos municipios onde o sector primario é clave no seu desenvolvemento social e económico”, dixo Rosendo Fernández. Este tipo de eventos, polo que o presidente do Inorde felicitou ao Concello da Veiga, “permítenos render homenaxe ás nosas raíces, lembrar de onde vimos, para saber cara onde debemos ir. E, con esta Exposición, contribuímos a xermolar nos máis cativos a curiosidade e o interese por un sector clave no rural ourensá, que precisa do apoio conxunto da sociedade e das administracións, para facer posible que os gandeiros e agricultores continúen a ser parte fundamental no desenvolvemento do noso territorio”, engadiu o presidente do Inorde.

“Crianza Trevinca” tamén está a posicionarse como “o escaparate idóneo para dar a coñecer entre os asistentes de diferentes provincias e incluso de fóra de Galicia, o potencial desta comarca  que é probablemente das áreas produtoras de gando vacún máis importantes de Galicia, así como amosar as múltiples opcións e oportunidades que ofrece o rural para paliar entre todos os efectos da crise demográfica que padece toda Europa”, salientou o presidente do Inorde.

O Inorde colabora con esta cita, que “encaixa á perfección coas liñas estratéxicas de traballo que desenvolvemos desde este organismo”, -dixo Rosendo Fernández, e ademais, está participando co programa de razas autóctonas e cun stand que amosa o labor de asesoramento e apoio que se realiza desde o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro.

somoscomarca_aveiga_crianzatrevinca_feiradegando_2022 (13)
Mazando o leite, sen dúbida o mellor da mostra

Pola súa parte, o alcalde da Veiga dixo que o obxectivo é converter a “Crianza Trevinca” na “festa reivindicativa do rural de Galicia, a través da cal podamos render homenaxe aos agricultores e gandeiros polo papel esencial que exercen a prol do desenvolvemento dos nosos territorios, mantendo con vida o noso rural”.

Programación do 15 de outubro

Durante a inauguración oficial, a música correu a cargo da Banda Municipal de Gaitas da Veiga, do Grupo de Música Tradicional da Escola de Música de Trasmiras e da Banda de Gaitas do Concello de Celanova. Inaugurada “Crianza Trevinca”, comezou a desenvolverse a programación prevista coa saída de bois xunguidos do gandeiro Mario Nogueira desde o Coiñedo ata o Centro da Veiga, a primeira saída foi ás 12.30 horas e a segunda será ás 17.00 horas.

somoscomarca_aveiga_crianzatrevinca_feiradegando_2022 (21)
Desfile de gando, estes son os de Mario Nogueira

A exhibición de oficios tradicionais tamén terán o seu propio espazo na que os asistentes poderán ver o talador de motoserra da man do escultor Pepe Llorente, a primeira mostra foi de 12.00 ás 14.00 horas e, pola tarde, volverá a facelo desde as 16.00 ás 20.00 horas. Así mesmo, durante a tarde, desde as 15.00 ás 20.00 horas, os asistentes poderán ver como se elabora a augardente tradicional. Realizarase tamén o concurso “Acarabuñando a Gadaña”, que terá premio ao mellor acarabuñador de Gadañas. Esta actividade desenvolverase desde as 16.00 ás 19.00 horas.

somoscomarca_aveiga_crianzatrevinca_feiradegando_stands2022 (16)
Posto de embutidos e marmeladas naturales

As catas comezarán ás 13.00 horas, primeiro coa cata de queixo e viños da Denominación de Orixe de Valdeorras, a cargo da sumiller de Análise Sensorial, Mercedes González, quen se encargará novamente do túnel dos sabores agroalimentarios da feira, ás 18.00 horas.

somoscomarca_aveiga_crianzatrevinca_feiradegando_stands2022 (4)
Mel e queixo, iso si, de Terras de Trevinca

Pola tarde, ás 17.30 horas, terá lugar o espectáculo ecuestre “A maxia do Cabalo”, e a partir das 19.30 horas, como colofón a esta intensa xornada de actividades, terá lugar a saída da “Charanga Europa” dirección ao centro urbano da Veiga.

somoscomarca_aveiga_crianzatrevinca_feiradegando_stands2022 (17)

Programación do 16 de outubro

Ao día seguinte, a feira comezará a partir das 11.00 horas, novamente cunha exhibición do escultor Pepe Llorente e co concurso de “Xunguindo os bois” que outorgará premio por parellas a mulleres e homes. A primeira das actividades será desde as 11.00 ás 14.00 horas, e a segunda desde as 11.00 ás 13.00 horas.

somoscomarca_aveiga_crianzatrevinca_feiradegando_stands2022 (25)

Ás 11.30 horas, será a quenda para o showcooking que realizará Gerson Iglesias de “Cociña Ourense”, elaborado a base de produtos locais. A xente que non poida asistir a esta hora, terá unha nova cita con este gran chef ás 17.00 horas.

somoscomarca_aveiga_crianzatrevinca_feiradegando_stands2022 (12)
Artesanía en madeira de Espombini

Desde as 12.00 ás 14.00 horas, realizaranse paseos a cabalo e poni, a cargo da amazona de doma clásica, Alba Fariña Moscoso e, pola tarde, tamén poderán gozar desta actividade desde ás 16.30 ás 18.00 horas. Continuarase ás 13.00 horas coa actividade de harmonía dos agroalimentos da Veiga: mel “Montañas de Trevinca” e queixo de “Cumbres de Trevinca”, a cargo de Mercedes González. A esa mesma hora, chegará a música á Exposición coa saída da charanga “Santa Compaña” desde o Coiñedo ao centro urbano e, ás 13.30 horas, será a entrega dos trofeos de gando.

somoscomarca_aveiga_crianzatrevinca_feiradegando_stands2022 (14)
Paseo equestre

Pola tarde, ás 16.00 horas, celebrarase o Gran campionato de bolos no campo de xogo do Coiñedo e a esa mesma hora, volverá o escultor Pepe Llorente ata ás 19.00 horas, hora á que finalizará esta segunda edición de “Crianza Trevinca”.

somoscomarca_aveiga_crianzatrevinca_feiradegando_2022 (43)

Inscrición previa en catas e showcooking

Tanto as catas como os showcookings requiren de previa inscrición porque o aforo é limitado. Por elo, os interesados en participar en ditas actividades terán que facer a súa reserva a través do teléfono 603 71 96 73 ou a través do correo electrónico [email protected].

Crianza Trevinca, homenaxe e reivindicacióndo do rural na Veiga