lunes. 15.08.2022

Os días 14, 15 e 16 de setembro chega a A Veiga AstroTrevinca 2018, V xornadas de astronomía no mellor ceo de Galicia, o evento que converterá ao municipio valdeorrés na capital da astronomía de Galicia. Así era presentado o pasado venres por Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Ourensana, quen destacou o feito de non ser só unha cita para investigadores ou profesionais da materia, senón «que tamén está dirixido a todo o público interesado na observación do ceo».

O alcalde da Veiga, Juan Anta, explicou que «o cumio de todo este proxecto que estamos a levar a cabo no eido do astroturismo é a construción do Observatorio Astronómico de Trevinca que comezará no mes de setembro». Un proxecto que, asegura, «temos perfectamente definido non só no que se refire á estrutura senón tamén a súa funcionalidade, porque está pensado para que todo o mundo poida gozar do ceo da Veiga e do seu entorno». A finalidade última, segundo explicou o rexedor, é lograr que A Veiga sexa «o referente do turismo rural galego».

Óscar Blanco, coordinador das xornadas, destacou a idoneidade da Veiga para a realización desta actividade dada «a súa baixa contaminación lumínica, a súa climatoloxía, caracterizada por uns ceos despexados tanto de día como de noite, e a súa gran altitude que fai que a atmosfera mostre as súas mellores condicións».

Programa das xornadas

As xornadas serán presentadas o próximo viernes día 14 de setembro ás 20.00 horas, no edificio do Toural e, posteriormente, ás 22.00 horas, terá lugar a observación na Tablilla. Xa o día 15 de setembro, no mesmo edificio do Toural, celebraranse diferentes conferencias que abordarán temas relacionados coa astronomía, e a xornada do sábado rematará de novo coa observación astronómica na Tablilla, ás 22.00 horas. O domingo 16 de setembro, ás 11.00 horas, terá lugar unha visita ao lugar de construción do Observatorio Astronómico de Trevinca, no que se explicará aos participantes este proxecto e, ás 12.00 horas, a programación centrarase na Astrofotografía. Pola tarde, ás 16.00 horas, os participantes poderán disfrutar dun paseo en catamarán polo encoro de Prada ou dunha visita á Cántara de Moura.

Os interesados en participar poderán anotarse a través do número de teléfono 988 35 01 30 ou do correo electrónico [email protected].

A quinta edición de AstroTrevinca chega á Veiga no mes de setembro