Xosé Manuel Merelles: «Valdeorras é un territorio con un gran potencial turístico. O que nos falta é crelo»

Xosé Manuel Merelles: «Valdeorras é un territorio con un gran potencial turístico. O que nos falta é crelo»
O novo director de Turismo de Galicia, natural de A Rúa, coñece o potencial turístico da comarca, por iso cre que queda moito por facer

Xosé Manuel Merelles dirixe desde hai uns días a Axencia Turismo de Galicia. É bo xornalista, amante da súa terra, pero sobre todo boa persoa. Implícase cos proxectos e coa xente que os rodea. 

Coñece ben a comarca e sabe do seu potencial turístico, aínda que admite que queda moito por facer e por amosar. «Son un namorado do xornalismo, pero ante todo son un namorado de Valdeorras», confesa na entrevista que lle concedeu a Radio Valdeorras Onda Cero e Somos Comarca nestes primeiros días no cargo.

Xosé Manuel Merelles, Alfonso Rueda e Nava Castro

Di que os obxectivos para o turismo galego pasan pola sostenibilidade da actividade turística «algo innegociable», a dixitalización dos procesos e por afondar na internacionalización —só un 25% dos que visitan Galicia por motivos turísticos son de fóra de España—. «Cabe afondar nestes procesos de internacionalización para captar máis visitantes estranxeiros».

En canto á comarca, Merelles é un gran coñecedor dela, por iso non dubida en sinalar que «Valdeorras é un territorio cun gran potencial turístico. O que nos falta é crelo». O enoturismo, a gastronomía, o patrimonio cultural, a natureza e o turismo industrial son obxectivos sobre os que hai que traballar.

Como el mesmo apunta, a comarca «ten una gran proxección no tema dos viños; agora mesmo os brancos de Valdeorras están posicionados como os mellores de España». Por iso entende que é necesario «afondar no enoturismo, con ese potencial de adegas que temos e de servizos gastronómicos. Creo que hai bastantes vimbios para ser un gran produto».

En el acto inaugural de la XXIV Feira do Viño de Valdeorras

Desde hai uns anos as covas de Valdeorras son un valor en alza e tanto o novo director de Turismo como a súa predecesora, Nava Castro, son bos sabedores desa realidade. «Temos cousas que son únicas, as covas, que a todo o mundo lle fascinan. A miña antecesora quedou prendada das de Seadur»

O patrimonio cultural é «importantísimo e pode focalizarse nas Ermitas. Por aí pódese xerar una vía de peregrinaxe a esta zona», resalta. O turismo monumental sería outra das apostas para potenciar o turismo. 

Sen dúbida se o director da Axencia de Turismo tivese que elixir a súa preferencia sería a natureza e a paisaxe. «Fai falta racionalizar algunhas cousas: ter rutas de sendeirismo homologadas, apostar polo cicloturismo», asegura. E engade: «Todo está aí. Hai uns cimentos, uns alicerces que só fai falla desenvolver».

Sabedor que o Camiño de Inverno é outro dos potenciais turísticos da zona, sinala que fai falta «unha labor de crer que o Camiño é algo importante e un patrimonio interesantísimo para nós». «Estase a coñecer moito e a xente valora o tramo entre Ponferrada e Lalín como algo impresionante». 

Sostén que hai que dotalo de infraestruturas pero «todo leva o seu tempo». «Hai que facer un traballo de promoción que nos tocará facelo desde aquí e tamén desde os concellos».

Merelles no brinde do acto inaugural da XXIV edición da Feira do Viño de Valdeorras

Outro apartado fundamental e o turismo industrial «probablemente» se reunirá pronto co Clúster da Pizarra para abordar o tema. «É outro potencial que ten a comarca. Ten una multioferta que cómpre obxetivizar e comercializar».

Dentro deste tipo de turismo tamén inclúe as centrais hidroeléctricas que noutro tempo, ao igual que hoxe é a pizarra, foron o motor económico da comarca e até da provincia.  «As instalación senlleiras da central de bombeo de Santiago ou a de Manzaneda tamén forman parte do turismo industrial».

O turismo son experiencias, son relatos. «A nosa comarca ten un relato estupendo en canto a  enerxías sostibles. E as pizarras tamén teñen un relato, una historia que é única nosa». Conclúe que hai que darlle «papel a ese relato e carrete e seguro que facemos un bo produto».

Se queres escoitar a conversa con Xosé Manuel Merelles en +D1 Valdeorras, fai clic na seguinte ligazón: