A sardiña ardeu… e con ela os excesos do Entroido na Rúa Vella
Laio, cantigas, doces e licor café nun Enterro da Sardiña que volveu cumprir coa tradición na parroquia de Santo Estevo da Rúa
Un ano máis, e como manda o costume, a parroquia de Santo Estevo da Rúa despediu o Entroido entre choros sentidos —ou non tanto—, cantigas repetidas ata a saciedade, bandexas de doces e máis dun grolo de licor café que axudou a levar mellor a pena.
Pouco antes das oito da tarde abríanse as portas do local situado no atrio da igrexa e comezaban a chegar os fieis do ritual: veciños, veciñas e curiosos que acompañaban ás mulleres encargadas de velar a sardiña. Un velorio como Deus manda, onde non faltaron a torta de roxóns, a bica, a larpeira, o pastel de chocolate, o licor café, o augardente de herbas… nin os cánticos que se repiten ano tras ano, eses que xa saen sós, case sen pensalos.
A sardiña foi velada entre ducias de rueses, cun clero e un sancristán, tal e como manda a canción. Entre bocado e bocado, entre laios máis ou menos sentidos e cantigas ás veces tristes e outras máis festivas —co inevitable “Solo te pido, solo te pido, que me hagas la vida agradable…”— ía chegando cada vez máis xente, porque aquí, cando hai Enterro da Sardiña, ninguén quere faltar.
Cara ás oito e media da tarde saía o cortexo fúnebre en dirección á praza de César Conti. Alí rodeouse a farola onde agardaban o Lardeiro e a Lardeira, aínda con boa cara… polo de agora. Antes de proceder á queima, o señor bispo recitou as súas “cantigas con moita morriña”, ás que seguiu o señor cura, que pediu silencio —máis ou menos— para elevar unha oración como manda o rito:
“Alcemos por ela unha oración e recitémola con devoción.
Que ao ceo suba a alma da nosa sardiña,
que Deus a acolla como se fose unha raíña…”
Os presentes tiveron que botar una gargallada cando o cura freou o rezo xa que non vía porque a luz da farola era mi débil.
Co inevitable amén dos presentes, o cortexo retomou o camiño cara ao lugar da queima, entoando con forza o clásico e irrepetible cántico:
“A sardiña xa morreu e ímola enterrar, sete ducias de rueses, un crego e un sancristán”, deixando claro que aquí tradición e retranca van sempre da man.
Chegado o momento solemne —e máis esperado— prendeu lume á sardiña, ardendo con ela tamén o Lardeiro e a Lardeira, que este ano lucían as facianas ben recoñecibles de Julio Iglesias e Ana Obregón, nunha queima simbólica que arrincou risas, aplausos e algún comentario con retranca, deses que non se poden reproducir pero que todos entendemos.
Xa co Entroido oficialmente reducido a cinzas, chegou o momento de repoñer forzas: bocadillos de sardiñas, refrescos e viños, cortesía do Concello, repartidos pola propia alcaldesa, María González Albert, nun xesto que puxo o broche perfecto á xornada.
E así, entre fume, gargalladas e bo ambiente, despediuse don Carnal e deixouse pasar, sen moita présa, a dona Coresma. Porque aquí cúmprese coa tradición, si… pero sempre cun sorriso, algo de picardía e a promesa de volver o ano que vén a chorar —e rir— pola nosa querida sardiña