viernes. 30.05.2025

A Rúa enche o Nadal de ilusión con actividades para todas as idades

Este ano regresa unha nova edición de "Eu Merco na Rúa", cabalgatas, teatro e moita festa
somoscomarca_arua_navidad_nadal_campogrande_luces_iluminacion_2021_12_01 (11)
somoscomarca_arua_navidad_nadal_campogrande_luces_iluminacion_2021_12_01 (11)

O Concello da Rúa dá a benvida ao Nadal cunha completa programación que busca dinamizar o comercio local, fomentar o espírito festivo e ofrecer alternativas de ocio para veciños e visitantes. A alcaldesa, María González Albert, destaca o esforzo colectivo que envolve cada iniciativa e anima á veciñanza a participar nas múltiples actividades que se desenvolverán durante as festas.

Un Nadal cheo de luz e participación

A segunda edición do Concurso de Decoración de Nadal xa está en marcha. «É unha oportunidade para que calquera persoa, asociación, bar ou vivenda se implique no espírito do Nadal e axude a xerar ese ambiente máxico que caracteriza estas datas», sinala González Albert. Agradecendo especialmente o labor da Asociación San Cristóbal e a decoración institucional, a rexedora subliña a importancia de que a veciñanza se involucre directamente nesta iniciativa.

Outra proposta destacada é o programa “Eu Merco na Rúa”, que busca incentivar as compras no comercio local. Por cada compra superior a 15 euros, os clientes recibirán un vale para participar nun sorteo de 20 premios de 50 euros para gastar no comercio da vila. «É unha forma de recoñecer e apoiar o tecido comercial que dá vida ao noso municipio», engade a alcaldesa.

Programación variada para todos os gustos

A programación inclúe actividades para todos os públicos, especialmente para os máis pequenos. Entre elas:

  • O Apalpador (20 de decembro): Con colaboración das Asociacións A Ruada e Abertal, percorrerá as rúas ata rematar no Concello.
  • Cabalgatas máxicas: O día 24, organizada pola Asociación San Cristóbal, e a tradicional cabalgata de Reis o 5 de xaneiro, da man da Asociación A Ruada.
  • Teatro e festa: O 22 de decembro, A Ruada presenta unha sesión de teatro no Centro Cultural Avenida. O 28, a Asociación Sabugueiro organiza a popular Festa da Empanada de Costrelas, en colaboración co Concello.

Os máis pequenos tamén poderán gozar de inchables no pavillón entre o 2 e o 7 de xaneiro, mentres os amantes do deporte terán dúas citas importantes: a Carreira de Nadal o 29 de decembro, acompañada dunha foodtruck de Galicia sabe amar, e o Campionato Absoluto de Cross o 4 de xaneiro, ambos organizados polo Club Adas.

Unha despedida de ano inesquecible

O 31 de decembro, A Rúa despedirá o ano cun brindis colectivo na praza, a partir das 19:00. Non faltará a música, o cava de Almendralejo e algunha sorpresa para celebrar a chegada do 2025 con alegría.

Si desexa escoitar a entrevista completa pode facelo aquí:

A Rúa enche o Nadal de ilusión con actividades para todas as idades