
Xa están a venda as 700 entradas para a Festa do Codillo que se celebrará o vindeiro sábado 26 de xaneiro no pavillón do Aguillón da Rúa. Este ano o evento gastronómico cumpre a décimo segunda edición.
A partir das 9:00 horas e até as 14:00, nas oficinas do Concello da Rúa, poderanse mercar as entradas para a festa gastronómica. Ó prezo 15 euros —o mesmo que en anos anteriores— da lugar a degustar un menú que consta de consomé con pan fritido, codillo con grelos, patacas e chourizo. Para a sobremesa, bica na que non faltará o café e os licores. Os asistentes levarán de agasallo unha cunca gravada coa data e o nome da festa.
Trala comida, baile no pavillón a cargo do trío Expresión que se encargará de amenizar a sobremesa. Os cantos de taberna tamén se deixarán escoitar polos establecementos hostaleiros da vila durante toda a tarde noite. Serán tres as agrupacións musicais que sigan coa troula: Pándega, Abertal e Airiños de Caldelas.
A recepción oficial de autoridades, ás 12:00 horas do 26 de xaneiro no Concello, dará o pistoletazo de saída ós actos desta festa que este ano homenaxea ao Club Deportivo Rúa e a Vicente Solarat Maceda a título póstumo. Non faltarán, un ano máis, a delegación de Almendralejo, a poboación cacereña irmandada coa Rúa.