Aprobada a ordenanza reguladora dos pisos de emerxencia social no pleno da Rúa

Aprobada a ordenanza reguladora dos pisos de emerxencia social no pleno da Rúa
A maiores tamén se aprobou, por unanimidade, a adhesión o convenio da Deputación de persoas enfermas de Crohn e o convenio para a celebración da ABAU neste ano

No pleno realizado na tarde de onte, seis de maio, o Concello da Rúa aprobaba a ordenanza reguladora de criterios de adxudicación, normas de funcionamento e utilización dos pisos de emerxencia social. Sumado a isto tamén era aceptada a ordenanza fiscal. 

O encargado de expor esta proposta foi Luís Fernández Gudiña, tenente alcalde do concello. «Un dos obxectivos de este equipo de goberno foi a potenciación de políticas de carácter social», comezaba a súa intervención. 

A raíz disto e dispoñendo de «varias vivendas», segundo aseguraba, o que «quedaba era establecer un marco regulador para adxudicalas. Polo tanto, temos a de regulación de criterios e a ordenanza fiscal», explicaba Gudiña. 

A primeira en ser presentada ante os diferentes partidos políticos foi a de regulación que consta de 25 artigos. A maiores, «esta ordenanza contempla dous apartados, por unha banda os pisos de emerxencia e por outra os que necesitan vivenda de carácter inmediato», apuntaba Luís Gudiña. 

Enténdese por piso de emerxencia social, «aquel que está a disposición daquelas persoas que por unha emerxencia necesitan unha vivenda de carácter inmediato», explicaba o tenente alcalde. As vivendas sociais «seguen uns requisitos parecidos», engadía Gudiña.

Nesta ordenanza «defínese o que se entende por ordenanza familiar, que é algo moi importante», resaltaba o tenente alcalde. Sumado a isto, establécense uns «requisitos económicos acreditativos da situación de necesidade de vivenda. Considérase que unha unidade familiar atópase en situación de necesidade cando os ingresos anuais ponderados non superan os 15.000 euros». 

En calquera caso, «para ser beneficiarios dunha cesión de vivenda social débese acreditar uns ingresos anuais de 3000 euros», subliñaba Gudiña. Por outra banda, despois desta aprobación, «establecerase unha listaxe de solicitantes que se irá renovando cada seis meses», expoñía. Vencido este prazo farase unha nova lista incluíndo as novas solicitudes admitidas. 

O tempo de ocupación de estas vivendas será de «dous anos prorrogables por outros dous», aseguraba Gudiña. Aínda que esta ordenanza inclúe un apartado específico para aquelas persoas «maiores de 65 anos e xente con un grado de discapacidade maior o 33 % poderán renovar o seu dereito cada dous anos», engade Luís Gudiña. 

Exposta a ordenanza, Álvaro Fernández, portavoz de PP, adiantaba a abstención do seu partido. «Parécenos ben que a ordenanza chega despois de 11 meses, pero non se nos tivo en conta. Entón vámonos abster. Esperemos que chega as mans dunha persoa que a necesite», puntualizaba o portavoz popular. 

Tras un tenso debate entre os distintos membros das corporacións. Luís Gudiña aseguraba que: «Unha das primeiras medidas que tomamos cando chegamos aquí foi a desafectación de catro vivendas do grupo que nos foron condicionadas  a unha serie de obras que debemos facer no propio edificio». A maiores tamén se teñen solicitadas «outras seis vivendas do antigo edificio coñecido como MOPU que sabemos que están valeiras». 

Esta proposta era aprobada con seis votos a favor —BNG, PSOE e RUA— fronte as cinco abstencións dos populares. 

Sumada a esta ordenanza de regulación atopábase a correspondente a parte fiscal. «Establécese unha fianza tanto para o piso como para a vivenda. No caso da vivenda será de 135 euros que se terá que abonar no momento que se conceda», explicaba Gudiña.  Ao que engadía: «Nas vivendas sociais a fianza é a cantidade correspondente a unha mensualidade da taxa para a unidade adxudicataria». 

Con relación as tarifas que se aplicarán, no caso «da vivenda de emerxencia social abonarase 135 € mensuais. No caso da vivenda social será dun 15% dos ingresos ponderados anuais da unidade familiar», aclaraba o tenente alcalde. Sumado a isto, estableceuse que os «beneficiarios deberán facilitarlle o Concello a domiciliación das cotas na entidade que se determine». 

Esta proposta era aprobada con seis votos a favor —BNG, PSOE e RUA— fronte as cinco abstencións dos populares. 

Aparte desta ordenanza aprobouse a inclusión na orde do día, por una unanimidade, a adhesión o convenio da Deputación de persoas enfermas de Crohn. «Trata de facilitarlle a vida as persoas que teñen estas doenzas», explicaba María González Albert, alcaldesa do concello. 

O principio da sesión plenaria era aprobado, por una unanimidade, o convenio para a celebración da ABAU neste ano. «Hai unha pequena modificación nos importes. Os concellos temos que abonar o correspondente as dietas do profesorado. A intención e que no caso de ter persoas con necesidades específicas podan facer aquí a proba e non ter que desprazarse a Comisión Delegada de Ourense». 

Rogos e preguntas

Xa na ronda de rogos e preguntas, as obras do concello, a Festa do Cordeiro, a celebración do San Marcos en Almendralejo, as Festas da Estación e o centro de Saúde, foron os temas principais propostos polo portavoz popular, Álvaro Fernández. 

En referencia ás Festas da Estación, José Vicente Solarat aseguraba que se están «pidiento los permisos para saber si se puede aumentar el espacio. Es probable que RENFE se niegue a ceder el muelle de manera adicional».