jueves. 18.04.2024

Baixo o lema «Pasa unha noite de lecer na Rúa», once comercios da vila participan na IV edición da Noite dos Descontos na que alongarán o seu horario de apertura ao público dende as 20:00 horas á 00:00 horas do venres día 8 de xuño, para ofrecer aos clientes que se acheguen, «mercadoría de temporada a prezos rebaixados, e diferentes degustacións». Así o explica a xerente da Asociación de Empresarios de Valdeorras AEVA, Luisa López, quen ademáis engade que «os comercios participantes serán de diferentes sectores, textil, droguería e beleza, complementos, deportes e telefonía, e terán todos eles, unha decoración que os identificará».

O obxectivo do ente empresarial, que organizou o evento en colaboración co Concello da Rúa, é «combinar unha noite de compras e lecer animando aos veciños e visitantes a sair ás rúas atraídos polas promocións dos establecementos participantes e para o goce das actividades de animación». O alcalde da vila, Luis Fernández Gudiña, explicou que o Concello non pode senón «colaborar en todas as actividades que se realicen no comercio local« porque entenden que «o comercio local por ser o próximo aos ciudadanos é aquel que temos que defender, xa que canto mellor lle vaia, máis potenciará a economía do noso concello».

Nesta edición, coma nas anteriores, á cita acudirá a banda de gaitas Abertal e, como novidade este ano, tamén o fará a charanga Terras do Bibei. Ambos grupos musicais visitarán as rúas comerciais interpretando distintos temas.

O sector da hostelería da Rúa tamén se animou este ano a colaborar na Noite dos Descontos proporcionando unha consumición gratis a aquelas persoas que presenten esa noite, un ticket de compra por importe superior aos 30 euros. «Dalgunha maneira é unha forma de que non sólo o comercio, senón tamén a hostelería, se anima a ir conxuntamente nesta promoción que nos beneficia todos».

Once establecementos participan na IV Noite dos Descontos da Rúa