viernes. 27.06.2025

O Colexio Manuel Respino de A Rúa aposta pola educación dixital

O colexio foi incorporado ao proxecto do libro dixital E-Dixgal da Consellería de Educación

O colexio Manuel Respino de A Rúa foi incorporado ao proxecto do libro dixital E-Dixgal impulsado pola Consellería de Educación e a Amtega. Se iniciará o vindeiro curso.



Esta iniciativa, que se executará en outros catro centros máis da provincia de Ourense, está dirixida aos centros educativos galegos públicos que imparten o próximo curso ensinanzas de 5º e 6º de primaria, así como de 1º e 2º da ESO e que contan con aulas dixitalizadas —con EDI, proxector, equipo no posto do docente e conexión á rede de datos do centro—.

O «Manuel Respino», e todos os centros de primaria que se incorporan, impartirá a totalidade das materias en modalidade dixital; mentres que os de secundaria farano en polo menos 6 materias. Ademais, deberá asumir o compromiso de implantar esta modalidade no curso 2019/20 en 5º de Educación Primaria e 1º da ESO, e de extendela a 6º de Primaria e 2º da ESO no 2020/21, mantendo nos cursos seguintes o proxecto educativo dixital neste niveis.



Os centros adscritos a este proxecto disporán da conexión á rede axeitada e cos medios tecnolóxicos necesarios na aula, así como para o profesorado e alumnado —cun PC á súa disposición que poden usar tanto en modo portátil como en modo tableta—. Tamén terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Xunta.

Ademais, terán acceso aos máis de 3.400 recursos de contidos do programa. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos poderán empregarse como complemento ou apoio. Asemade, desde o curso pasado, tanto alumnado, como familias e profesorado usuario do proxecto E-Dixgal, teñen á súa disposición un «Servizo Premium de Atención, soporte e acompañamento».

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, consciente de que todo cambio metodolóxico precisa da actualización das competencias docentes, está a realizar un esforzo na formación do profesorado que participa neste proxecto. Así, os profesores van ter formación formación específica no propio centro, que se articulará a través dos Plans de Formación Permanente do Profesorado, para o que recibirán o asesoramento da Rede de Formación do Profesorado.

Ademais, realizarase formación específica nos Centros de Formación e Recursos (CFR) e no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) específica para o profesorado participante e coordinador no programa E-Dixgal.

O Colexio Manuel Respino de A Rúa aposta pola educación dixital