Merelles: «A Rúa ten un cartel propio de calquera cidade galega»
Hai veces nas que para estar no centro do mapa non é necesario ser unha gran cidade. Durante dous días, A Rúa vai demostrar que unha vila pequena tamén pode xogar na primeira división dos festivais musicais. A Praza da Estación converterase os días 7 e 8 de agosto nun gran escenario ao aire libre coa estrea de Sons Urbanos e a terceira edición de O Son da Estación, dúas citas gratuítas integradas nos Concertos do Xacobeo que traerán a Valdeorras algúns dos nomes máis interesantes da música galega actual.
E non é casualidade. Para o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o crecemento desta proposta exemplifica precisamente o espírito dos Concertos do Xacobeo: que a música non quede concentrada nas grandes cidades, senón que chegue a todo o territorio e se converta tamén nunha razón para viaxar, coñecer novos lugares e regresar a eles.
A programación impulsada pola Xunta suma este ano arredor de 180 concertos e festivais repartidos por Galicia, unha oferta que, segundo explicou Merelles en Radio Valdeorras-Onda Cero, funciona como complemento da actividade turística e permite «que poida haber actividade en todo o territorio e cada vez poidamos captar máis visitantes». O pasado ano, lembrou, os festivais do programa superaron o millón de asistentes.
A Rúa sube o volume: Dous días, dous sons
A primeira cita chegará o venres 7 de agosto con Sons Urbanos, unha das grandes novidades deste verán na Rúa. O festival nace cunha identidade diferenciada e cun cartel no que compartirán escenario 9Louro, Kid Mount, Kike Varela e Mela.
Precisamente a presenza de Mela, artista da Rúa, resume outra das intencións desta programación: abrir os grandes escenarios tamén aos músicos que están comezando e ao talento máis próximo.
Merelles lembra que esta filosofía xa estivo presente nas anteriores edicións de O Son da Estación, nas que participaron músicos locais, coma foi Magín Blanco, e mesmo unha formación integrada por estudantes que tivo a oportunidade de compartir escenario con artistas xa consolidados. Este ano será Mela quen dea ese salto dentro de Sons Urbanos, compartindo cartel con algúns dos nomes que están gañando presenza na escena galega.
Unha aposta que permite que os novos artistas non teñan que marchar necesariamente a unha gran cidade para atoparse diante dun escenario importante: esta vez, ese escenario estará na casa.
Baiuca toma a Estación
Só haberá que esperar vinte e catro horas para cambiar de rexistro. O sábado 8 de agosto chegará a terceira edición de O Son da Estación, cun cartel encabezado por Baiuca e completado por Nadadora, Luis Fercán, Navegando a Barlovento e Kill Vir DJ.
Merelles non dubida da dimensión que adquiriu o festival. «Consolídase O Son da Estación como un festival de moita transcendencia», sinala, destacando a presenza este ano de Baiuca e lembrando o nivel dos artistas que pasaron polas edicións anteriores. Sobre a proposta deste ano destaca tamén o regreso de Nadadora aos escenarios e a presenza de Luis Fercán.
Para o responsable de Turismo de Galicia, o cartel que chegará á Rúa podería atoparse perfectamente nunha gran urbe: «Estamos moi orgullosos na Axencia Turismo de Galicia de poder traer a Valdeorras, de poder traer á Rúa, un cartel destas características, propio de calquera cidade galega ou de calquera cidade do Estado».
E tamén aquí haberá acento valdeorrés coa presenza de Navegando a Barlovento, formación local á que, segundo explica Merelles, se lle quixo dar a oportunidade de formar parte do festival.
Valdeorras tamén quere soar
Sons Urbanos e O Son da Estación non son dúas citas illadas. Nos últimos anos, a música foi gañando peso dentro da oferta turística e cultural de Valdeorras, co apoio de Turismo de Galicia a propostas como SilFest Valdeorras, o Terrasón —comezou o pasado domingo 2 de agosto e haberá actuacións durante todo o mes— ou diferentes actuacións incluídas nos Concertos do Xacobeo.
A eles súmanse escenarios moi diferentes aos dun festival convencional. Merelles pon como exemplo o adro do Santuario das Ermidas, que cualifica como un lugar «extraordinario» e que acolleu a Carlos Núñez o pasado ano e, recentemente, a Luar na Lubre, cun concerto no que se esgotaron as localidades. Tamén lembra o Castelo do Bolo ou outras actuacións celebradas na Rúa.
Pero, ¿por que Valdeorras? Para Merelles hai unha primeira razón fundamental: o público responde. Non só o da comarca, senón tamén persoas chegadas do Bierzo e doutros territorios próximos. A iso engade os propios atractivos turísticos de Valdeorras, capaces de facer que unha persoa chegue por un concerto e descubra, ao mesmo tempo, un territorio ao que despois queira regresar.
«Calquera iniciativa que podemos levar á comarca de Valdeorras ten un bo respaldo do público», asegura. O obxectivo é que esa programación permita atraer visitantes durante todo o verán, que «coñezan a comarca e volvan despois atraídos por outros alicientes que poida ofrecer».
Música que tamén move a economía
Porque detrás dun escenario tamén hai restaurantes, bares, aloxamentos, tendas e empresas. A dimensión turística dos festivais non se mide unicamente polo número de persoas diante dun artista.
«O obxectivo número un é que a actividade turística xere un beneficio económico para a cidadanía», explica Merelles, que sinala directamente ás empresas hostaleiras e turísticas, pero tamén ao resto de negocios que poden beneficiarse da chegada de visitantes.
A experiencia, asegura, demostra que nos concertos celebrados en Valdeorras hai «moito público de fóra», persoas que se desprazan atraídas polos carteis e que acaban xerando actividade económica no conxunto da comarca.
É precisamente aí onde música e turismo se dan a man: vir por Baiuca, por 9Louro ou por Luis Fercán e acabar descubrindo A Rúa e Valdeorras.
Unha invitación para o 7 e o 8 de agosto
Xosé Merelles estará na Rúa e xa deixou feita a súa invitación. Sons Urbanos estará especialmente orientado aos sons que conectan co público máis novo —aínda que, bromea, tamén «para os maiores coma min, que tamén lles gusta esa música»—, mentres que O Son da Estación ofrecerá un formato deliberadamente diverso.
E destaca un elemento: será música en directo e música orixinal, con propostas moi diferentes entre si. «O estilo de Baiuca non é o de Nadadora», resume, convencido de que precisamente esa variedade pode atraer públicos distintos.
O director de Turismo de Galicia xa ten claras as súas datas. «Eu estarei xa o día 7 quentando motores», avanzou antes de expresar un desexo: que esta sexa «a mellor edición da historia de O Son da Estación».
E este ano, cando menos, xa parte cunha vantaxe: antes de que soe O Son da Estación, A Rúa estreará Sons Urbanos. Dous festivais, dous estilos e dous días para deixar o coche aparcado, achegarse á Praza da Estación e comprobar que, ás veces, para atopar un gran festival non hai que marchar demasiado lonxe.