viernes. 06.06.2025

O Martes de Entroido e o 25 de agosto serán festivos na Rúa

A conta xeral do curso anterior, o suplemento de crédito do 2022 e o convenio coa Fundación Florencio Delgado, foron outros dos temas a tratar no pleno ordinario do concello rués
somoscomarca_2400902_arua_pleno393

Neste primeiro luns de setembro, O Concello da Rúa acollía un pleno ordinario no que se levaban cinco puntos a tratar. Entre eles atopábase a proposta de festivos de cara ao vindeiro ano. 

Os días de descansos expostos foron o Martes de Entroido e o «25 de agosto que é a data que nos propoñen dende a Asociación Sabugueiro», así o anunciaba María G. Albert, alcaldesa do municipio. 

A controversia centrouse na problemática de autorizar como festivo o día do entroido. O portavoz do Partido Popular, Álvaro Fernández, aseguraba que a veciñanza da Rúa «non está conforme con cambialo». Así mesmo, mostrábase a favor de «non alternar os festivos», desta maneira, tanto San Antonio como San Roque gozarían de días de libranza. 

O voceiro do PSOE, Luís Gudiña, facía especial fincapé en que é moi «sinxelo dicir que foi un fracaso, pero non teñen datos». De feito, matizaba que durante as celebracións do ano pasado estiveron «case as mesmas comparsas e persoas».

somoscomarca_2400902_arua_pleno399

A pesar da oposición amosada polos populares, a proposta foi aceptada con cinco votos a favor e outros tantos en contra. 

As contas xerais do 2022 seguen xerando debate

Un dos primeiros puntos a tratar na sesión plenaria deste luns foi o peche e liquidación do orzamento do 2022 que quedaba aprobado por unha unanimidade.

Con respecto a esta prórroga de orzamento, o voceiro popular afirmaba que durante o seu mandato «non demos feito o traballo que estaba atrasado, pero non perdemos ningunha subvención». A maiores, engadía que durante eses catro anos «reducimos a débeda» e tamén que «deixamos os pagos feitos».

somoscomarca_2400902_arua_pleno398

«La intención de este grupo de gobierno es generar la capacidad de crédito para atender a los servicios municipales», de esta maneira explicaba a situación actual o concelleiro José Vicente Solarat.

Ademais, o voceiro do R.U.A, aproveitou a súa intervención para repetir unha frase que xa dixera 20 anos atrás. Despois de case 42 somerxido na política do Concello da Rúa, Solarat, aseguraba que «si encontráis un pueblo de cuatro mil habitantes con la misma dimensión que tenga más y mejores servicios públicos que A Rúa, me marcho». 

Pola súa banda, a alcaldesa do municipio matizaba, unha vez máis, que as arcas municipais perderon máis de 800 mil euros por non ter a conta do ano 2022. Sumado a isto atopábase a circunstancia de que «partimos de cero, aquí non había ninguén que puidera corroboralas». 

somoscomarca_2400902_arua_pleno401

Neste novo curso, A Rúa incorporará ao orzamento prorrogado durante este ano unha nova partida de 151.300 euros. Unha modificación de crédito que foi aprobada por unha unanimidade, cunha única petición dos populares: «Non malgasten o diñeiro».

A Fundación Florencio Delgado: outra das protagonistas da sesión plenaria

O último dos puntos a tratar foi un convenio coa recentemente creada Fundación Florencio Delgado. Trátase dunha achega anual que será revisada cada ano, segundo explica Luís Gudiña.

Tras o anuncio dos populares do seu voto en contra, a alcaldesa amosábase sorprendida, xa que «a cultura é unha prioridade para este grupo de goberno». Tras as diferentes alegacións por parte dos grupos, esta moción quedaba aprobada con cinco votos a favor. 

O Martes de Entroido e o 25 de agosto serán festivos na Rúa