
Un home resultou ferido este domingo tras sufrir unha saída de vía co seu vehículo na estrada N-120, á altura do punto quilométrico 467, no termo municipal da Rúa, por riba da parroquia de Fontei.

O accidente tivo lugar ao redor das 18:47 horas, momento no que o CIAE 112 Galicia recibiu o aviso do sinistro. Segundo informaron os servizos de emerxencia, o condutor, que viaxaba só, foi trasladado en ambulancia ao Hospital Público de Valdeorras para ser atendido das súas lesións.

Ata o lugar desprazáronse efectivos do 061, membros de Protección Civil da Rúa, Bombeiros do parque comarcal, así como patrullas da Garda Civil e da Garda Civil de Tráfico, que se encargaron da regulación da circulación e da elaboración do atestado.

As causas do accidente están a ser investigadas.
